A mostra clausurouse en Madrid, onde contou cunha alta afluencia de visitantes durante a semana que permaneceu no Círculo de Bellas Artes
O próximo destino desta exposición itinerante será o Kiosco Alfonso, onde se poderá visitar do 15 de decembro ao 4 de xaneiro
O espazo expositivo incorporará na Coruña unha cabina de dobraxe onde se programarán actividades diarias de dinamización lingüística con escolares
A exposición “As nosas palabras, os nosos mundos” retorna a Galicia, logo do seu paso por Madrid, para abrir as súas portas no Kiosco Alfonso da Coruña, onde permanecerá do 15 de decembro ao 4 de xaneiro. A mostra promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, co obxectivo de poñer en valor o galego e o plurilingüismo na sociedade actual, despedirá así na cidade coruñesa o Ano Internacional das Linguas e o Ano Europeo do Diálogo Intercultural. A exposición permanecerá aberta ao público todos os días. De luns a domingo, as visitas poderán realizarse de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas.
Na Coruña, que é a sétima escala que fará, “As nosas palabras, os nosos mundos” realizará unha aposta pola creatividade de Galicia para poñer de manifesto a alta calidade das producións en galego nas diferentes vertentes artísticas. Ademais farase, por primeira vez, unha actividade de dobraxe dirixida a escolares, onde cada día o alumnado que visite a exposición poderá achegarse ás técnicas empregadas para dobrar ao galego os seus personaxes favoritos.
Balance de Madrid
Durante a semana que a mostra “As nosas palabras, os nosos mundos” permaneceu no Círculo de Bellas Artes rexistrou unha elevada afluencia de visitantes. A exposición recalou en Madrid co obxectivo de promover a riqueza da diversidade lingüística do Estado e de achegar os visitantes á realidade actual da lingua galega. Con anterioridade a Madrid, estivo en Santiago de Compostela, Vilagarcía, Bilbao, Bruxelas e Vigo. Logo do seu paso pola Coruña, está previsto que se traslade a Barcelona, Sevilla, Lugo, Bos Aires e Ourense.
A exposición, dividida en catro bloques temáticos (“As orixes”, “Isto é galego”, “As nosas palabras, os nosos mundos” e “A nosa lingua na nosa vida”) ten como obxectivo achegar os visitantes á diversidade lingüística a través de diferentes elementos visuais, gráficos e sonoros que empregan o galego como fío condutor.
De forma paralela á mostra, a Secretaría Xeral de Política Lingüística puxo en marcha o sitio web www.asnosaspalabras.org. Trátase da primeira web galega sobre diversidade lingüística. Pode visitarse en sete idiomas e permite realizar un percorrido virtual pola exposición, ademais de dar acceso a información de interese sobre as linguas do mundo en xeral e sobre o galego en particular.
Fonte: Xunta de Galicia



