Novas

Trescentos profesores recibirán formación en materia de dinamización lingüística en Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo
24 de novembro de 2008

Trescentos profesores recibirán formación en materia de dinamización lingüística en Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo

Os docentes asistirán a partir do martes 25 e ao longo de seis xornadas a uns seminarios organizados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coa Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa

As prazas iniciais ofertadas para poder participar nesta iniciativa, que vai pola súa terceira edición, tiveron que ser ampliadas ante a elevada demanda rexistrada

Nas sesións analizaranse diferentes modelos de planificación sociolingüística implantados en colexios e institutos de Galicia e noutras comunidades

As cidades de Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo acollerán, a partir do martes 25 de novembro e ao longo dun total de seis xornadas, a terceira edición dos Seminarios de Dinamización Lingüística no Ensino, que van dirixidos ao profesorado de ensino primario e secundario dos centros públicos e privados de Galicia. Preto de 300 docentes participarán nesta iniciativa, que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coa Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Os seminarios comezarán o martes 25, continuarán durante o mércores 26 e o xoves 27, e retomaranse os días 2, 3 e 4 de decembro. As sesións realizaranse sempre a partir das 18.00 horas. En Santiago, será o IES As Fontiñas o lugar no que se impartirán as charlas, obradoiros e demais actividades. Na Coruña, as xornadas desenvolveranse no IES Rafael Dieste; en Lugo no IES Politécnico, e en Vigo no IES Politécnico.

O número inicial de prazas que se ofertaba por cada unha das cidades era de 50 persoas como máximo, pero debido á elevada demanda rexistrada optouse finalmente por incrementalas.

Programa
Nestes seminarios de dinamización haberá sesións nas que se analizarán modelos de planificación sociolingüística implantados con éxito en centros de ensino de Galicia e noutras comunidades. As xornadas contarán coa participación de dous especialistas en planificación lingüística da Comunitat Valenciana, Vicent Pascual e Rafael Fresquet. A relación da lingua galega coas novas tecnoloxías da información e da comunicación é outro dos asuntos que se abordará. O programa inclúe tamén obradoiros prácticos sobre realización de proxectos de normalización lingüística.

Os participantes nos seminarios obterán un certificado de asistencia expedido polo Servizo de Formación do Profesorado da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Todos os detalles sobre o programa dos seminarios que se van impartir en Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo poden consultarse no enderezo http://www.xunta.es/linguagalega/convocatorias_de_formacion.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder