Marisol López recibiu un grupo de alumnos de lingua, cultura e literatura galegas que estes días realizan unha visita a Galicia
Máis de cen estudantes cursan materias de galego nas facultades do campus de Cáceres, que tamén inclúe na súa oferta cursos de preparación do Celga
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, recibiu o xoves 20 de novembro en Santiago un grupo de alumnos de galego da Universidade de Estremadura, coa que a Xunta de Galicia ten subscrito un convenio para incluír na súa oferta lectiva materias de lingua, literatura e cultura galegas.
O grupo, acompañado pola profesora lectora Natalia Blanco, visitou as dependencias da Secretaría Xeral de Política Lingüística e compartiu coa súa titular impresións sobre os estudos de lingua, literatura e cultura galegas que se ofertan na Universidade de Estremadura.
Na xuntanza, Marisol López explicoulles algúns dos proxectos que ten en marcha o seu departamento e a importancia da proxección exterior do galego, así como a conveniencia de que as linguas cooficiais do Estado sexan coñecidas tamén fóra dos seus territorios. Neste sentido, animou os estudantes a continuar a súa formación nestas materias.
O grupo, integrado por unha quincena de mozos e mozas, visitará estes días a capital galega e outros puntos da comunidade, como a Costa da Morte ou a provincia de Ourense.
A Universidade de Estremadura é un dos once centros académicos de España onde se pode estudar lingua, literatura e cultura galegas. Trátase, despois da de Barcelona, da universidade que máis alumnado destas materias ten, con 113 persoas. Historia e cultura conta con 81 alumnos, Literatura galega con 16; en Lingua e Literatura I hai catro alumnos e Lingua e Literatura II conta cun alumno. Ademais, nesta universidade pódese tamén asistir aos cursos de preparación para o Certificado de Lingua Galega (Celga). Na actualidade, 11 alumnos asisten ao curso preparatorio para o Celga 1.
Fonte: Xunta de Galicia



