O sábado realizáronse os exames do Celga 4, nos que había 1500 persoas inscritas
Ademais dos principais concellos galegos, foron sede dos exames outros puntos do Estado e varios países europeos e latinoamericanos
En sucesivas fins de semana terán lugar as probas de obtención dos niveis 3, 2 e 1 deste novo sistema de acreditación de coñecementos de galego
Este sábado iniciáronse as probas de obtención dos Certificados de Lingua Galega (Celga), para os que se inscribiron, nesta convocatoria un total de 2792 persoas. O primeiro exame foi o correspondente ao nivel 4, no que se matriculou o maior número de persoas, 1500. A proba celebrouse nas principais cidades galegas, e tamén noutras sete cidades do Estado e en Heidelberg, en Alemaña. Comezou ás 9 da mañá, e os aspirantes tiñan que presentarse nos lugares de realización un cuarto de hora antes.
As cidades galegas que acolleron as probas foron Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. En todas elas, a sede dos exames foi a Escola Oficial de Idiomas. Fóra de Galicia, realizáronse exames de Celga 4 na Universidade Autónoma de Barcelona, no Espazo das Linguas de Madrid, na Universidade de Deusto, (Bilbao), na Universidade de Estremadura (Cáceres), na Universidade de Granada, na Universidade de Salamanca, na Universidade do País Vasco, (Vitoria) e na Universidade de Heidelberg, en Alemaña.
Santiago de Compostela foi a cidade con máis aspirantes inscritos na proba, cun total de 377. Séguenlle A Coruña, con 359, Vigo, con 324, Lugo, con 246 e Ourense, con 130 persoas inscritas.
No resto do Estado, o Espazo das Linguas, situado no Barrio das Letras de Madrid, recibiu 24 aspirantes para obter o Celga 4. En Barcelona foron 17 as persoas que se puideron examinar; 13 candidatos examináronse en Salamanca, 3 en Bilbao e outros tantos en Granada, mentres que en Vitoria houbo unha persoa inscrita, ao igual que en Cáceres. Igualmente, en Heidelberg, unha persoa inscribiuse para realizar o exame.
Seguintes exames
Nas fins de semana sucesivas, ata o 13 de decembro, exceptuando o 6 de decembro, terán lugar os exames dos niveis 3, 2 e 1 do Celga, que tamén se van realizar nas principais cidades galegas, no resto do Estado e en cidades europeas e latinoamericanas.
O Celga é un sistema de certificación adaptado ao Marco común europeo de referencia para as linguas que lles dá prioridade ás habilidades comunicativas en galego por riba dos enfoques gramaticalistas.
Fonte: Xunta de Galicia



