Novas

O galego lidera o recoñecemento da riqueza de linguas na Unión Europea co apoio do comisario de Multilingüismo, Leonard Orban
23 de setembro de 2008

O galego lidera o recoñecemento da riqueza de linguas na Unión Europea co apoio do comisario de Multilingüismo, Leonard Orban

A exposición “As nosas palabras, os nosos mundos”, promovida pola Xunta de Galicia, chega a Bruxelas co respaldo do responsable europeo de Multilingüismo

Con esta iniciativa, o galego convértese na primeira lingua cooficial que expón o valor da diversidade lingüística no marco da Unión Europea

A mostra permanecerá na capital europea ata o 3 de outubro coincidindo a súa estancia coa celebración do Día Europeo das Linguas, o vindeiro 26 de setembro

A exposición sobre o galego na diversidade lingüística “As nosas palabras, os nosos mundos”, inaugurouse o 22 de setembro nas dependencias da Dirección Xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea, no Edificio Madou, en Bruxelas, coa participación do comisario europeo de Multilingüismo, Leonard Orban, e da secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Marisol López. Tras o seu paso por Santiago de Compostela, Vilagarcía e Bilbao, “As nosas palabras, os nosos mundos” chega a Bruxelas na súa condición de capital política de Europa. O galego convértese así na primeira lingua cooficial da Unión Europea que expón o valor da diversidade lingüística na UE.

“As nosas palabras, os nosos mundos” é unha mostra multimedia e itinerante que nace no marco do Ano Internacional das Linguas e do Ano Europeo do Diálogo Intercultural, co obxectivo de promover o valor da lingua propia no contexto da diversidade lingüística e de contribuír á difusión do plurilingüismo como garantía dunha boa convivencia global. En Bruxelas, conta co patrocinio institucional do comisario europeo de Multilingüismo, Leonard Orban, o que representa un apoio sen precedentes ás linguas cooficiais no seo da UE.

Na súa intervención, a secretaria xeral de Política Lingüística afirmou que “conseguirmos facer desta Europa social unha realidade, dentro dun mundo globalizado, esíxenos ás linguas minoritarias afrontar unha cuestión ata o de agora impensable, pero inevitable: competir e gañar a nosa utilidade social a través dunha demostración intensa de vitalidade e de funcionalidade. As linguas como o galego non seguiremos aquí, como afirmaba o noso escritor da imaxinación, Álvaro Cunqueiro, durante mil primaveras máis porque si; o noso futuro escribirase coas letras que o noso esforzo sexa quen de imprimirlle”.

Marisol López explicou que os contidos da exposición “representan o alento e a participación do Goberno galego na estratexia comunitaria: aquela de estimular o coñecemento e a aprendizaxe de novas linguas, e construír así un sólido sentimento de igualdade entre as distintas comunidades lingüísticas”.
A mostra, que conta para a súa estadía en Bruxelas coa colaboración da Fundación Galicia Europa, permanecerá na capital europea ata o 3 de outubro, coincidindo coa semana na que se celebra o Día Europeo das Linguas, o vindeiro 26 de setembro.

Catro bloques temáticos

“As nosas palabras, os nosos mundos” permite facer un percorrido suxestivo pola historia da lingua galega e coñecer a vitalidade do galego na actualidade. Os visitantes poderán achegarse ao galego e á diversidade lingüística dunha forma activa, experimental e sensitiva grazas a diferentes elementos visuais, gráficos e sonoros. A visita pódese realizar en sete idiomas –galego, francés, neerlandés-flamengo, inglés, castelán, catalán e éuscaro -, aos que se suman outras 25 linguas con presenza na exposición.

“As orixes” é o punto de partida da exposición. Esta primeira parte do percorrido introduce o visitante no misterio do nacemento da linguaxe, coas primeiras novas sobre a súa orixe (petróglifos, pinturas rupestres...). A través de coreografías de sons, luces, sombras e transparencias descóbrense as diferentes formas de comunicación humana. A visita desemboca na “árbore das linguas”, que axuda a entender a evolución histórica e a diversidade dos idiomas.
No módulo denominado “Isto é galego” o visitante pode descubrir a historia da lingua galega desde a Idade Media ata os nosos días, a través de personaxes e acontecementos sociais, culturais e políticos significativos.

Os contidos do terceiro bloque temático apostan pola sustentabilidade lingüística a través dun xogo de escoita que permite coñecer o son de múltiples linguas de orixe diversa. “As nosas palabras, os nosos mundos” pon en valor a diversidade lingüística do planeta, o valor do plurilingüismo e a riqueza da multiculturalidade.
Por último, “A nosa lingua na nosa vida” é unha ollada ao galego como lingua de creación nunha sociedade dinámica e produtiva. Aquí amósanse exemplos de recursos da lingua galega nos distintos ámbitos da sociedade (novas tecnoloxías, música, literatura, cine, ferramentas de traballo, etiquetaxe).

Visita virtual

Ademais da exposición, está en marcha o sitio www.asnosaspalabras.org, a primeira web galega sobre a diversidade lingüística que pretende converterse nun referente para a promoción e defensa do ecosistema lingüístico. A través desta páxina, que permanecerá activa unha vez rematada a exposición, pode realizarse unha visita virtual á mostra e descubrir contidos e curiosidades sobre o galego e as linguas do mundo.

A normalización do galego

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, abrirá martes, 23 de setembro, o seminario “¿Cales son as perspectivas de futuro para as linguas rexionais na UE?” que organiza a Fundación Galicia Europa e no que se analizará a situación actual destas linguas e as oportunidades que se abren no marco da nova estratexia europea de multilingüismo.

Marisol López centrará a súa intervención no proceso de normalización do galego como lingua rexional oficial. Será na sede da Fundación Galicia Europa, no número 38 da Rue de la Loi, ás 09:30 horas.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder