Novas

Os visitantes da Expolingua en París poderán aprender galego e coñecer a súa rede de proxección exterior
15 de xaneiro de 2009

Os visitantes da Expolingua en París poderán aprender galego e coñecer a súa rede de proxección exterior

A Secretaría Xeral de Política Lingüística participa nesta feira cun expositor no que ofrece información sobre os centros de estudos galegos no mundo e, en especial, en Francia e sobre os cursos de verán para estranxeiros que se imparten en Galicia

No recinto feiral parisiense realizarase este venres un curso rápido para que os visitantes que o desexen poidan aprender algunhas nocións sobre o galego e a súa pronuncia

Nesta exposición están representadas 60 linguas do mundo e os organizadores prevén unha afluencia de 25.000 persoas desde hoxe ata o sábado, data na que se clausurará

A Xunta de Galicia participou tamén nos últimos meses nas Expolinguas de Berlín e Londres

A Secretaría Xeral de Política Lingüística participa desde o mércores día 14 e ata o sábado 17 de xaneiro na vixésimo sétima edición da Expolangues, a Expolingua de París. Esta feira é unha das principais citas dedicadas á promoción das linguas do mundo e da diversidade cultural, e os seus organizadores prevén rexistrar este ano unhas 25.000 visitas. No expositor instalado pola Xunta de Galicia é posible atopar información sobre as posibilidades de aprendizaxe do galego en Francia e no resto do mundo, a través dos centros que conforman a rede de proxección exterior ou mediante os cursos para estranxeiros que se imparten no verán en Galicia, entre outros recursos. Tamén conta con materiais relativos ás últimas novidades en materia de innovación lingüística en Galicia e, ademais, os visitantes poden ver proxeccións permanentes de pezas audiovisuais sobre Galicia ou achegarse aos recursos do galego na rede.

A maiores, os asistentes poderán, na xornada do venres, participar nun curso rápido de achegamento á lingua galega, no que terán ocasión de familiarizarse coa pronuncia dalgunhas palabras. A lectora do centro de estudos galegos de París será a encargada de impartir esta actividade, que se desenvolverá no espazo do Kiosque, dentro do recinto feiral.

Na Expolingua de París están representadas 60 linguas do mundo, a través de 200 expositores de institucións, institutos culturais, centros de formación de idiomas, editoriais, librarías especializadas e servizos de tradución e interpretación, entre outras entidades. A cita está dirixida aos profesionais que traballan neses ámbitos, pero tamén ao público xeral. A Comisión Europea foi elixida convidada de honor da Expolingua na súa vixésimo sétima edición; a institución comunitaria está a amosar na feira as súas políticas en materia de multilingüismo, aprendizaxe de linguas e promoción da diversidade cultural.

Programa
Ademais da información e dos materiais que se ofrecen nos expositores, a Expolingua conta cun extenso programa de actividades, no que se inclúen conferencias e cursos de achegamento a diferentes idiomas, entre outras iniciativas. O espazo dedicado ao galego atópase situado na mesma zona na que se localizan os expositores relativos ao éuscaro e ao catalán.

A presenza da Secretaría Xeral de Política Lingüística na Expolingua de París englóbase na liña de accións de proxección exterior que a Xunta vén desenvolvendo nos últimos anos, co fin de potenciar o coñecemento do galego fóra de Galicia e de favorecer o intercambio de ideas con institucións lingüísticas doutros países. Nos últimos meses, Política Lingüística participou nas feiras das linguas que se levaron a cabo en Berlín e Londres e tamén ten previsto acudir á que se vai realizar proximamente en Lisboa.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder