O Consello da Xunta aprobou o xoves 27 de novembro o acordo no que se establecen as bases de colaboración entre ambas as dúas institucións ata finais do 2009
A Xunta de Galicia achega 18.364 euros para financiar as actividades de docencia, promoción e difusión da lingua e para custear a bolsa do lector
O Centro de Estudos Galegos da Universidade de Murcia conta neste curso cun total de 53 alumnos inscritos nas tres materias que se imparten
O Consello da Xunta acordou aprobar a renovación da sinatura do convenio de colaboración existente entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Universidade de Murcia para darlle continuidade ao programa de docencia, investigación e promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas nesa institución académica.
En virtude deste acordo, o Centro de Estudos Galegos da devandita universidade disporá, durante este curso e ata finais do 2009, dos recursos económicos necesarios para o seu funcionamento. Para iso, a Secretaría Xeral de Política Lingüística fará unha achega de 18.363,56 euros.
Parte dese orzamento destinarase a sufragar a organización de accións e actividades relacionadas coa investigación, a docencia, a promoción e a difusión da lingua, a literatura e a cultura galegas. Igualmente, haberá unha partida dentro dese financiamento que se empregará en custear a bolsa do profesor lector que desempeña o seu labor nese centro de estudos.
Compromisos
O convenio establece como compromisos da Universidade de Murcia o de darlles continuidade aos estudos de lingua, literatura e cultura galegas dentro dos seus plans de estudo. Ademais, a institución encargarase da organización de actividades en materia de investigación, promoción e difusión da lingua, a literatura e a cultura de Galicia, tales como seminarios, congresos, cursos, exposicións, conferencias ou mesas redondas tanto no ámbito universitario como na súa área xeográfica de influencia. Así mesmo, a universidade comprométese a facilitarlle ao profesor lector os medios técnicos e materiais necesarios para que este último poida levar a cabo o seu traballo, baixo a dirección e coordinación do responsable do Centro de Estudos Galegos.
En canto aos compromisos de Política Lingüística, este departamento autonómico asumirá o financiamento do programa e ocuparase de supervisar a realización das actuacións acordadas e de verificar que se adecúan á finalidade para a que se determinou conceder a subvención.
Alumnos
O Centro de Estudos Galegos da Universidade de Murcia, con sede na Facultade de Letras, forma parte da rede de proxección exterior do galego e conta na actualidade, e á espera aínda de que se peche a matrícula para este curso académico, cun total de 53 alumnos. As materias que se imparten nel son Tradución e Interpretación de Textos Románicos: Galego, Lingua e Literatura Galega I, e Lingua e Literatura Galega II.
Ademais da actividade estritamente docente, o Centro de Estudos Galegos da Universidade de Murcia desenvolve outras iniciativas culturais paralelas encamiñadas a fomentar e poñer en valor a lingua e a literatura de Galicia. Así, acolleu a publicación de traballos como o titulado Edición e estudo da obra poética de Emilio Pita, a cargo de José Ángel García López.
Fonte: Xunta de Galicia



