Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    16 de xaneiro de 2026

    A Cámara Municipal de Bragança anunciou a posible apertura dun novo concurso público para completar as obras do Museo da Lingua Portuguesa, cuxo ritmo de execución está moi por debaixo do previsto. A decisión busca asegurar a continuidade e finalización do proxecto tras varios atrasos e problemas con empresas contratadas.

    Fonte: Público

    16 de xaneiro de 2026

    O PSOE de Pontevedra promove unha iniciativa para instar a Xunta a crear, xunto coa Universidade de Vigo, un grao universitario en Lingua de Signos Española e Galega no campus pontevedrés. A proposta responde a unha demanda histórica de entidades que traballan con persoas xordas e denuncia a falta de formación específica en LSG en Galicia.

    Fonte: Faro de Vigo

    16 de xaneiro de 2026

    O Convento San Francisco, en Coímbra, inicia as celebracións dos seus 10 anos como espazo cultural coa programación do primeiro trimestre de 2026 centrada na lusofonía e na lingua portuguesa, combinando música, teatro e actividades para familias e público xeral.

    Fonte: As Beiras

    16 de xaneiro de 2026

    A Generalitat de Cataluña convocou por primeira vez probas oficiais para acreditar o nivel A1 de catalán, dirixidas a persoas sen coñecementos previos da lingua. A medida responde ao aumento da demanda formativa e reforza as políticas de acollida lingüística. Esta certificación deseñouse conforme aos estándares europeos e conta xa con programa, materiais e exame propios.

    16 de xaneiro de 2026

    O Concello de Bilbao abriu a inscrición dun programa municipal de lecer familiar en éuscaro dirixido á infancia de ata nove anos e ás súas familias. A iniciativa desenvolverase entre febreiro e maio con actividades adaptadas a diferentes idades, que combinan xogo, creatividade e espectáculos. Esta edición pon o acento no coidado do medio, das persoas e da lingua. O obxectivo é fomentar o uso do éuscaro desde as primeiras etapas vitais en contornas cotiás e próximas.

    16 de xaneiro de 2026

    Fernando Cabeza Quiles presentará na Casa de Rosalía un novo volume da colección Terra Nomeada dedicado á toponimia de Padrón e Pontecesures. A obra divulga a orixe e o significado dos nomes de lugar destes concellos desde unha perspectiva filolóxica e paisaxística e supón a continuación do labor do autor na valorización do patrimonio toponímico galego.

    15 de xaneiro de 2026

    A Viquipèdia celebra o 25 aniversario cunha edición en catalán especialmente salientable polo seu volume e calidade. Esta versión sitúase entre as vinte con máis artigos e destaca por ser a única que completa os dez mil contidos considerados esenciais. Creada pouco despois da inglesa, converteuse nun referente entre linguas de dimensión semellante. O proxecto apoia o seu éxito nunha ampla comunidade editora activa ao longo do tempo.

    15 de xaneiro de 2026

    O Concello de Irún puxo en marcha o programa Euskaraz barra-barra para fomentar o uso do éuscaro no comercio, na hostalaría e nos servizos. A iniciativa dálles visibilidade aos establecementos que poden atender en éuscaro durante toda a xornada e ofrécelles axudas e asesoramento lingüístico. A maioría dos negocios que cumpre os requisitos xa se adheriron ao proxecto. O obxectivo é normalizar o uso da lingua nas relacións cotiás coa clientela.

    15 de xaneiro de 2026

    Ourense acolleu a presentación do programa conmemorativo do 150 aniversario de O Tío Marcos d’a Portela, xornal pioneiro do xornalismo en galego, e a homenaxe ao seu creador, Valentín Lamas Carvajal. As actividades abranguen reflexións sobre lingua e comunicación, propostas culturais e accións divulgativas e simbólicas. O proxecto inclúe tamén iniciativas editoriais e de dixitalización do legado xornalístico.

    15 de xaneiro de 2026

    Esta exposición sobre a lingua portuguesa poderá visitarse ata finais de xaneiro no IES Antonio Fraguas de Santiago. A mostra achega ao público a evolución, a diversidade e a proxección internacional do portugués e do espazo lusófono. A iniciativa, que conta coa colaboración do Camões – Centro Cultural Português en Vigo, reforza o vínculo entre o ensino da lingua e a difusión cultural.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder