A Real Academia Galega e a Deputación da Coruña renovaron o seu convenio anual para apoiar iniciativas de defensa e difusión da lingua e da cultura galegas. O acordo permite impulsar programas formativos, proxectos audiovisuais, accións dirixidas á infancia e publicacións sobre toponimia. Ambas as institucións salientan o valor estratéxico destas actividades para a proxección social e internacional do galego.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
Abriuse o prazo para participar no certame audiovisual do Enreguéifate, unha iniciativa que promove a improvisación oral en verso como ferramenta de dinamización do galego. A novena edición mantén dúas categorías (a xeral e a escolar), cunha ampla variedade de premios que recoñecen a creatividade e a diversidade expresiva. O proxecto, impulsado polos concellos de Santiago de Compostela, Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra e Teo, compleméntase cun intenso labor formativo nos centros educativos.
O Parlamento de Polonia aprobou un proxecto de lei para recoñecer oficialmente o silesiano como lingua rexional. A iniciativa permitiría a súa ensinanza nas escolas e o seu uso na administración local nas zonas onde unha parte significativa da poboación o fala. O texto contou co apoio principal da coalición gobernante, mentres que a oposición conservadora votou en contra.
Fonte: Notes from Poland
O profesorado de xaponés no Reino Unido está a renovar os métodos de ensino da lingua para cuestionar estereotipos e ideas preconcibidas sobre o Xapón. A través de iniciativas como Descolonizando o Currículo, estes educadores procuran ofrecer nos centros educativos unha visión máis actual, diversa e realista da lingua e da cultura xaponesas.
Fonte: IPC Digital
Un proxecto colaborativo constata que o uso do galego nas lápidas medrou nos últimos anos nesta provincia, ata alcanzar o 4,5 %, a porcentaxe máis alta de Galicia. A iniciativa Palabra e Memoria analizou milleiros de inscricións nos cemiterios galegos e detectou unha presenza aínda minoritaria, mais en claro aumento desde comezos de século. Algúns concellos presentan porcentaxes especialmente elevadas, o que amosa realidades territoriais diversas.
Os euskaltegis de Navarra rexistraron un forte aumento de alumnado adulto no curso 2025-2026, impulsado polo reforzo das axudas públicas. A matrícula medra de maneira destacada no nivel inicial, asociado á eliminación progresiva de barreiras económicas. A estratexia institucional aposta pola formación de novas persoas falantes mediante campañas de prestixio da lingua e colaboración co tecido social. O Goberno navarro prevé ampliar a gratuidade e incrementar de forma notable o orzamento destinado a este fin.
O Goberno vasco, a Deputación de Bizkaia e Labayru Fundazioa asinaron un convenio, que terá vixencia ata 2028, para reforzar a lexicografía e o corpus do éuscaro biscaíño. O acordo aposta por valorar os dialectos como parte esencial da lingua común e combina esforzos públicos e sociais. Inclúe a cesión de corpus lingüístico para o desenvolvemento de tecnoloxías da lingua e a formación investigadora.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, gabou “as iniciativas que achegan o galego aos espazos de socialización dos centros educativos e á nosa xuventude, que son o futuro e presente de Galicia”. Fíxoo na presentación da cuarta edición do programa de dinamización lingüística «Modo Galego, Actívao!» no colexio de Ventín en Ames, un dos participantes neste programa.
O Movemento Cultural da Terra de Miranda pediulle ao Goberno portugués que a creación e o funcionamento da Estrutura de Misión para a Promoción da Lingua Mirandesa sexa inclusiva, transparente e representativa de todas as persoas ou colectivos que estudan e promoven o idioma. Tamén mostraron preocupación pola eliminación dunha dotación de 500 mil euros prevista para apoiar o mirandés, o que consideran un retroceso no compromiso co patrimonio cultural e lingüístico da rexión.
O Consulado de Portugal en Lión acolleu un espectáculo de maxia que converteu a aprendizaxe do portugués nunha actividade lúdica e creativa para o alumnado de portugués como lingua estranxeira. A iniciativa, froito da colaboración co organismo responsable do ensino do portugués en Francia, permitiu unha aproximación informal á lingua e á cultura portuguesas.
Fonte: Bom dia
Boletín
Subscríbase ao boletín


