A Deputación da Coruña reuniu no Pazo Provincial as 20 empresas beneficiarias do I Fondo de apoio a proxectos culturais singulares, que reparte case 300 000 euros para iniciativas en galego con impacto social. O programa promove propostas centradas na igualdade, diversidade, memoria ou identidade local, e busca achegar a cultura á cidadanía desde enfoques comprometidos co territorio.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A petición de España para que o galego, o catalán e o éuscaro sexan linguas oficiais na Unión Europea volverá tratarse o 18 de xullo no Consello de Asuntos Xerais. Aínda que varios estados apoiaron a proposta, outros seguen a mostrar reservas políticas, legais e económicas, malia o compromiso de España de asumir todos os custos e aplicar a medida de xeito progresivo a partir de 2027. A unanimidade segue a ser requisito imprescindible para a aprobación.
A asociación Culture Vannin puxo en marcha unha serie de subvencións destinadas a proxectos que axuden a promocionar o uso do gaélico da Illa de Man.
Fonte: Isle of Man Today
O Departamento de Sanidade da Generalitat de Cataluña presentou un novo curso de acollemento en lingua catalá destinado a persoal sanitario que se incorpore ao sistema de saúde en Cataluña.
Fonte: Diari de la Llengua
O Departamento de Política Lingüística da Generalitat de Cataluña iniciou o desenvolvemento dun novo sistema informático da xestión de probas de certificación dos coñecementos de lingua catalá. O novo sistema suporá un avance significativo na xestión das convocatorias de probas futuras.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Xunta de Galicia acaba de resolver a concesión da súa convocatoria anual de subvencións á creación audiovisual para a promoción do talento galego, a través da que inviste 176 000 euros en 11 novas curtas e longametraxes en versión orixinal galega.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A multinacional estadounidense da comunicación Meta confirmou que de momento non ten pensado ofrecer a ferramenta de intelixencia artificial do WhatsApp en lingua catalá. Nestes intres, só ofrece este servizo noutros 13 idiomas.
Fonte: Diari de la Llengua
A Delegación Xeral para a Lingua Francesa e as Linguas de Francia publicou unha guía que recolle as axudas do Ministerio de Cultura ás linguas rexionais. A publicación recoñece a riqueza lingüística do Estado e o deber de protexer estas linguas, algo que contrasta coas restricións reais que sofren, como a limitación do seu uso institucional e a falta de financiamento para o seu ensino.
O seke, unha lingua en perigo de desaparición orixinaria do norte do Nepal, atopou un inesperado refuxio nos edificios comunitarios de Brooklyn, onde parte da súa comunidade emigrada procura mantela viva. Nova York, cidade cunha diversidade lingüística sen precedentes, serve como último bastión para moitas linguas ameazadas, mais tamén se enfronta a riscos crecentes que poderían acelerar a súa extinción.
A Deputación da Coruña lanza a campaña #NaLinguaConOrgullo para combater prexuízos que dificultan o uso do galego na vida cotiá e promover unha actitude orgullosa e activa cara á lingua. A iniciativa inclúe materiais didácticos arredor do libro Galaicofobia e busca fomentar a reflexión crítica no ámbito educativo e social sobre os estigmas históricos que afastaron o galego da súa comunidade.
Boletín
Subscríbase ao boletín


