Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    01 de xaneiro de 2026

    As autoridades chinesas estudan unha reforma da lei sobre o idioma estándar para reforzar o uso do mandarín falado e escrito no ámbito dixital e institucional. O borrador establece que as publicacións en liña, incluídos os videoxogos, deben empregar esta variedade como forma principal de expresión. Tamén obriga a incorporar o chinés estándar en materiais informativos de eventos internacionais celebrados no país e fixa esta norma como eixe da ensinanza do idioma a nivel internacional.

    01 de xaneiro de 2026

    O Centro Nacional das Artes puxo en marcha o Proxecto Caracol, unha iniciativa que promove a colaboración entre creadoras e creadores de distintas disciplinas para difundir, preservar e fortalecer as linguas indíxenas nacionais. A proposta reúne música, artes plásticas e deseño a partir de poemas, cancións e obras gráficas, co fin de construír pezas artísticas colectivas.

    Fonte: Revista Zocalo

    31 de decembro de 2025

    A Deputación Foral de Biscaia abrirá o 12 de xaneiro as convocatorias de axudas para 2026 destinadas a impulsar o uso do éuscaro en ámbitos laborais, sociais, comunicativos e dixitais, cun orzamento global de máis de 3,4 millóns de euros. As subvencións diríxense a empresas, profesionais, entidades sen ánimo de lucro, medios e administracións locais. As cinco liñas de apoio inclúen plans lingüísticos no traballo, proxectos de normalización, presenza dixital e iniciativas comunicativas integramente en éuscaro.

    31 de decembro de 2025

    Preto de seis mil persoas reuníronse en Bilbao nun acto promovido por Euskalgintzaren Kontseilua para reclamar unha nova etapa de revitalización do éuscaro e un acordo sociopolítico que impulse un cambio profundo nas políticas lingüísticas. O encontro, celebrado no Bilbao Arena baixo o lema «Euskaraz bizitzeko pizkundea», congregou representación institucional, política, social e cultural. As intervencións puxeron o foco na situación de emerxencia da lingua e na necesidade de entendela como eixo de transformación social.

    31 de decembro de 2025

    A Fundación Carlos Casares impulsou unha Game Jam arredor do conto Un polbo xigante, que celebra o seu 25 aniversario, para explorar novas vías de creación cultural e promover o galego no ámbito dos videoxogos. A iniciativa reuniu 18 participantes, que desenvolveron nove propostas inspiradas no universo narrativo da obra, valoradas pola súa creatividade. O xurado premiou tres xogos, con Augardentía como primeiro clasificado. O proxecto evidenciou o potencial da literatura galega para dialogar coas linguaxes dixitais contemporáneas.

    31 de decembro de 2025

    As familias con menores de 6 anos e o ámbito educativo infantil dispoñen dun novo recurso para fomentar o galego a través do xogo coa publicación do Calendario Apego 2026. O material, descargable de balde, reúne cancións, refráns, recitados e adiviñas pensadas para acompañar o desenvolvemento lingüístico na primeira infancia. A iniciativa pretende reforzar o vínculo coa lingua desde idades temperás e apoiar o seu uso cotián no fogar e nas escolas.

    30 de decembro de 2025

    A Academia da Lingua Asturiana escolleu «negacionismu» como neoloxismo do ano 2025 tras unha votación popular, co compromiso de incorporalo ao seu dicionario normativo. O termo impúxose a outras propostas e define a actitude de rexeitar de maneira infundada feitos comprobados e consensos científicos. A iniciativa busca visibilizar novas realidades sociais e actualizar o léxico do asturiano con palabras xa presentes no uso.

    30 de decembro de 2025

    O Goberno de Navarra desenvolveu probas piloto en centros de saúde da zona vascófona para analizar necesidades lingüísticas e mellorar o uso do éuscaro na atención sanitaria. As experiencias, coordinadas por Euskarabidea no marco do Plan Lingüístico de Saúde, permitiron aumentar nun 22 % o uso da lingua nos centros participantes.

    30 de decembro de 2025

    O Proxecto Nós, xunto coa Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, puxo en marcha unha actividade formativa de 25 horas para capacitar o alumnado de grao na recollida e validación de datos de voz en galego a través de Common Voice. A actividade permitirá achegarse ás tecnoloxías da fala na nosa lingua e contribuír á creación de recursos lingüísticos abertos mediante a gravación e verificación de fragmentos orais. O curso insírese na aposta por fortalecer a presenza do galego no ámbito dixital e tecnolóxico.

    30 de decembro de 2025

    A Fundación Alfredo Brañas iniciou os trámites para traducir ao galego El regionalismo, a obra central do pensador nado en Carballo, nun acto que reuniu representación institucional e académica. No encontro puxéronse en valor a influencia de Brañas no desenvolvemento do galeguismo e o seu perfil intelectual plural, con proxección máis alá de Galicia. A entidade subliñou a vixencia do seu pensamento e anunciou que en 2026 continuará a difusión do seu legado por distintos puntos do país.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder