Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    29 de decembro de 2025

    Unha iniciativa lexislativa presentada por representantes republicanos en Pensilvania, EUA, pretende esixir que as persoas solicitantes do permiso de condución acrediten un nivel suficiente de inglés mediante unha proba específica. A proposta tamén eliminaría os manuais e exames teóricos en linguas distintas do inglés, establecendo esta lingua como a única válida no proceso.

    Fonte: North Penn Now

    29 de decembro de 2025

    A Asociación para o Ensino do Catalán (APLEC), da Cataluña Norte, instou o Ministerio de Educación francés a crear unha licenciatura específica para formar profesorado de escolas bilingües francés-catalán. A titulación debe ter un 50 % das ensinanzas en catalán e centrarse na didáctica do ensino bilingüe.

    Fonte: Diari de la Llengua

    29 de decembro de 2025

    O Departamento de Política Lingüística reforzou nos anos 2024 e 2025 a tradución ao catalán de obras de ensaio e non ficción para ampliar a presenza da lingua en diferentes ámbitos do coñecemento. No conxunto dos dous exercicios apoiouse a versión en catalán de máis de 350 títulos procedentes de numerosas linguas e editoriais, cun claro predominio de disciplinas como historia, ciencias sociais, filosofía, divulgación científica e pensamento contemporáneo.

    29 de decembro de 2025

    A Generalitat pechou con éxito a primeira experiencia de conversas de reforzo en catalán, un servizo telemático de práctica oral dirixido a profesionais da saúde. A iniciativa, complementaria á formación regrada, facilitou o uso efectivo da lingua no exercicio sanitario mediante sesións individuais flexibles e adaptadas á realidade laboral. As valoracións salientan unha mellora na fluidez e na seguridade comunicativa, así como unha maior garantía dos dereitos lingüísticos das persoas atendidas.

    29 de decembro de 2025

    A votación popular escolleu «xenocidio» como Palabra do Ano, ao se impor con claridade fronte a outras candidatas polo seu forte peso na actualidade internacional. O termo, creado por Raphaël Lemkin e recoñecido como crime contra a humanidade tras a Segunda Guerra Mundial, recuperou centralidade no debate público recente. Na clasificación seguiron «foliada», ligada á celebración das Letras Galegas, e «lume», asociada aos incendios do verán.

    29 de decembro de 2025

    A Xunta de Galicia abriu a convocatoria bienal dos premios de escrita dramática que contan cunha dotación total de 26 000 euros, para impulsar a creación teatral en galego e ampliar o repertorio contemporáneo. Trátase do XXVIII Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o XIV Manuel María de literatura dramática infantil e xuvenil e o XVII Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas súas dúas modalidades: para a infancia e a mocidade e para persoas adultas. 

    26 de decembro de 2025

    Os cursos de Lingua e Cultura Portuguesas, organizados polo Instituto Camões a través da súa rede educativa en Alemaña, celebraron o Nadal en Hannover, Braunschweig e Wolfsburg con música, teatro e poesía, reunindo alumnado e familias nun ambiente festivo que puxo en valor a lingua e a cultura portuguesa.

    Fonte: Bom dia

     

    26 de decembro de 2025

    O novo sitio web adobraxe.com é un proxecto participativo, aberto ás achegas da cidadanía, que recompila información relacionada coa dobraxe en lingua galega. Nesta base de datos atoparás as producións dobradas ao galego e información sobre empresas e profesionais que participaron nestas producións.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    26 de decembro de 2025

    O Concello de Carballo convocou dous premios no marco do XIII Festival Carballo Interplay 2026, co fin de recoñecer, visibilizar e impulsar a creación e a produción de contidos dixitais en lingua galega na rede. As iniciativas insírense na celebración do festival, prevista do 16 ao 19 de abril de 2026, e diríxense a creadoras e creadores que difundan o galego en internet.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    26 de decembro de 2025

    O portal Totjoc ampliou polo Nadal o seu buscador de xogos e xoguetes en catalán, até reunir 1530 produtos e preto de 600 establecementos onde adquirilos, co obxectivo de normalizar o lecer nesta lingua. A iniciativa reforzouse con recomendacións audiovisuais e titoriais difundidos a través de YouTube, coa colaboración do comercio especializado.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder