A Deputación da Coruña rexistrou 25 solicitudes para a liña de axudas destinada a financiar persoal técnico de normalización lingüística nos concellos da provincia en 2026, cun orzamento total de 540 000 euros. As subvencións, dirixidas a entidades locais de máis de 5000 habitantes e a agrupacións municipais, permitirán cubrir contratos anuais a xornada completa. O programa busca reforzar as políticas de normalización do galego no ámbito local, tanto no funcionamento interno das administracións como na atención á cidadanía.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A Asociación Lar de Unta impulsará en Betanzos un grupo de conversas en galego concibido como un espazo aberto para practicar o idioma con naturalidade e sen formato académico. A iniciativa diríxese tanto a persoas acabadas de chegar como á veciñanza que entende o galego mais non o emprega con seguridade, así como a quen xa o usa e desexa máis oportunidades. As sesións semanais abordarán temas diversos nun ambiente participativo e relaxado.
A Generalitat de Cataluña abriu unha nova convocatoria de axudas dirixida a empresas e profesionais para reforzar o uso real do catalán no ámbito empresarial. A iniciativa aposta por impulsar plans lingüísticos de carácter estratéxico que integren a lingua no funcionamento interno, na oferta de produtos e servizos e na atención á clientela. As subvencións buscan consolidar un uso habitual e sostido do catalán, especialmente nas interaccións orais e escritas, tanto presenciais como dixitais.
Vén de publicarse un novo dicionario enciclopédico que analiza o léxico do español de orixe árabe desde unha perspectiva histórica e cultural. A obra afonda na pegada deixada por séculos de convivencia lingüística, especialmente durante al-Ándalus, e amosa o árabe como unha das principais fontes do vocabulario español. O traballo vai máis alá da listaxe de palabras e estuda a súa evolución fonética, semántica e contextual.
Un equipo dirixido por un investigador da Universidade de Aberystwyth, en Gales, está a elaborar un dicionario que recompila as poucas evidencias existentes das linguas celtas faladas hai máis de dous mil anos en Gran Bretaña e Irlanda. A iniciativa busca preservar un patrimonio lingüístico desaparecido e ampliar o coñecemento sobre a historia lingüística europea.
Fonte: My Modern Met
Diversas iniciativas no Brasil, impulsadas por universidades, museos e comunidades indíxenas, buscan documentar, revitalizar e dar visibilidade a un bo número de idiomas indíxenas mediante a investigación, a educación e o uso de ferramentas dixitais.
Fonte: DW
O goberno do Quebec anunciou un novo requisito para traballadores estranxeiros temporais. Aquelas persoas traballadoras que acumulen tres anos de emprego na provincia deberán demostrar competencia oral en francés de nivel 4 para obter ou renovar o certificado de permiso de traballo.
Fonte: ImmigCanada
O goberno nacionalista de Narendra Modi na India está favorecendo o uso do hindi en actos oficiais, documentos e concursos, co argumento de superar o pasado colonial e diminuír a preponderancia do inglés. Isto xerou descontento e controversia nalgúns estados onde o hindi non é a lingua principal, especialmente no sur do país.
Fonte: DW
A plataforma Picardemans.cat xurdiu para impulsar o uso espontáneo do catalán nos patios escolares mediante xogos tradicionais de palmas e cancións populares adaptadas á lingua propia. A iniciativa responde á perda de presenza do catalán entre a infancia e ofrece recursos audiovisuais con versións catalás, incluídas variedades dialectais, de temas que se cantaban habitualmente noutras linguas.
A exposición de arte dixital «Castelao. Mirar por Galicia» despídese da Cidade da Cultura o vindeiro domingo 11 de xaneiro superando xa as 34 000 visitas. Organizada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Castelao, a mostra representa a experiencia tecnolóxico-cultural máis avanzada ata o momento ao redor desta figura.
Boletín
Subscríbase ao boletín

