Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    14 de xaneiro de 2026

    O Círculo de Médicos de Paraguai solicitou que o estudantado estranxeiro de medicina acredite coñecementos de español e guaraní antes de realizar prácticas clínicas. A demanda busca garantir unha comunicación adecuada cos pacientes e defender o uso das linguas oficiais do país, especialmente tras o veto presidencial a unha norma que flexibilizaba este requisito.

    Fonte: Prensa Mercosur

    14 de xaneiro de 2026

    O Goberno francés comprometeuse a elaborar unha proposta para permitir que o exame final de secundaria, coñecido como baxoa, poida realizarse en éuscaro no País Vasco francés. O anuncio produciuse tras unha reunión entre o ministro de Educación de Francia, Edouard Geffray, e outros representantes institucionais e do movemento a prol da lingua que valoraron o xesto como un avance, aínda que reclamaron medidas máis concretas e prazos definidos.

    14 de xaneiro de 2026

    A incorporación do ensino regrado do asturiano e do eonaviego no segundo ciclo de Educación Infantil foi elixida como a mellor nova para a lingua asturiana en 2025. A iniciativa, apoiada maioritariamente pola cidadanía, supón un avance clave na transmisión xeracional do idioma. Empataron en segunda posición estoutras novas: o ensino do asturiano na Escola Oficial de Idiomas de Oviedo e a estrea dunha serie de debuxos animados na TPA dobrados a esta lingua.

    14 de xaneiro de 2026

    O sitio web inclúe contidos en éuscaro relacionados co feminismo, así como un dicionario terminolóxico multilingüe. Trátase do primeiro corpus en éuscaro que reúne contido escrito e audiovisual. A iniciativa busca reforzar unha base conceptual sólida e accesible para toda a sociedade e está especialmente orientada a creadoras, investigadoras e profesionais da comunicación e da igualdade.

    14 de xaneiro de 2026

    O Diario Oficial de Galicia publicou o 13 de xaneiro a convocatoria de axudas da Secretaría Xeral de Medios para o 2026 dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    14 de xaneiro de 2026

    O Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria de axudas para o desenvolvemento de proxectos que fomenten o uso do galego nos centros educativos que impartan ensinanzas de niveis non universitario.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    13 de xaneiro de 2026

    A Academia de Ciencias de Albania puxo á disposición do público a versión dixital do Gran dicionario da lingua albanesa, que permite o acceso gratuíto ao maior repertorio lexicográfico deste idioma. Durante un período de nove meses recolleranse achegas e suxestións para mellorar o contido, que serán avaliadas polo equipo redactor antes da publicación da edición impresa definitiva.

    Fonte: CNA

    13 de xaneiro de 2026

    O panocho, dialecto murciano tradicionalmente estigmatizado por prexuízos sociais e históricos, reivindícase hoxe como expresión dunha identidade cultural propia. O recoñecemento do Bando Panocho, composición que se recita nas festas populares, como Ben de Interese Cultural visibiliza esta variedade lingüística e a súa tradición literaria.

    13 de xaneiro de 2026

    Iniciativa pol Asturianu presentou alegacións á futura Lei de cultura e identidade do Principado de Asturias ao detectar carencias graves no tratamento das linguas propias. A entidade critica que o borrador ignore o asturiano e o eonaviego, tanto no contido como na lingua de redacción. Reclama vincular de maneira explícita lingua e cultura na norma e recoñecer o valor do patrimonio lingüístico.

    13 de xaneiro de 2026

    O Goberno de Marrocos anunciou unha colaboración con Mistral AI para crear modelos avanzados de intelixencia artificial capaces de comunicarse en árabe marroquí (darija) e tamazight ou bérber, e desenvolver chatbots adaptados ás necesidades locais.

    Fonte: Morocco World News

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder