Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    20 de xaneiro de 2026

    A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua fixo públicas as intervencións da última edición do LGx15, celebrada en outubro de 2025 en Santiago de Compostela, accesibles en liña. O proxecto reuniu diversas voces que compartiron reflexións e vivencias co obxectivo de incidir no porvir do galego mediante formatos breves e divulgativos. Nesta ocasión, participaron persoas de referencia do ámbito cultural e social, cunha proposta escénica que integrou palabra, música e poesía.

    20 de xaneiro de 2026

    Un estudo sobre o uso lingüístico nos clubs de baloncesto de Cataluña revela que o catalán é a lingua predominante nos adestramentos, cun papel clave das persoas adestradoras como modelo de referencia. De feito, a investigación amosa que o uso do catalán medra cando estas se dirixen directamente ás xogadoras e aos xogadores nesta lingua, aínda que varía segundo o territorio e o tamaño dos municipios.

    19 de xaneiro de 2026

    O presidente sirio, Ahmed al Sharaa, asinou un decreto que converte o kurdo en lingua nacional en Siria, restaurando a cidadanía daquelas persoas kurdas que a perderan no pasado. O decreto busca protexer a diversidade cultural e lingüística do país e permite, entre outros dereitos, a ensinanza do kurdo nas escolas.

    Fonte: TRT World

    19 de xaneiro de 2026

    O Goberno de Andorra impuxo as dúas primeiras multas a establecementos que non respectaron a nova lei da lingua propia e oficial. En 2025, rexistráronse unhas 100 queixas por posibles incumprimentos da normativa lingüística.

    Fonte: Diari de la Llengua

    19 de xaneiro de 2026

    A Generalitat de Cataluña presentou os resultados dunha nova liña de subvencións para ampliar os cursos de catalán destinados á poboación adulta en concellos pequenos e entidades sociais. A iniciativa permite ofrecer formación gratuíta e flexible en territorios con pouca oferta previa, con especial atención á acollida lingüística das persoas chegadas de fóra. O programa impulsa centos de cursos e milleiros de prazas en todo o país co obxectivo de garantir un acceso máis equitativo á aprendizaxe da lingua.

    19 de xaneiro de 2026

    A Deputación Foral de Áraba promoverá un plan específico para impulsar e normalizar o uso do éuscaro na Escola de Artes e Oficios de Vitoria-Gasteiz. A iniciativa, que conta cun amplo consenso político, busca garantir os dereitos lingüísticos, para o que articulará medidas concretas no ámbito docente e de xestión. O acordo prevé analizar a situación actual, fixar obxectivos e establecer mecanismos de avaliación antes de 2026.

    19 de xaneiro de 2026

    A Deputación da Coruña impulsou o proxecto «Falarmos Nós» para iniciar unha rede provincial de grupos de conversa en galego orientados a reforzar o uso oral da lingua. A iniciativa procura crear espazos seguros para persoas que coñecen o galego mais non o empregan con regularidade, así como para quen está a aprendelo. O proxecto arrinca con varios grupos piloto e prevé ampliar a rede nos vindeiros meses.

    19 de xaneiro de 2026

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no colexio Álvarez Limeses, en Pontevedra, na apertura da oitava edición do programa «21 días co Galego e +», impulsado pola Xunta en colaboración con “toda a comunidade, entre alumnado, mestrado e persoal dos centros, que participan voluntariamente”.

    16 de xaneiro de 2026

    Segundo datos publicados en sede parlamentaria, os portugueses destacaron como os que máis cursos de francés realizan en Luxemburgo e tamén ocupan o segundo lugar en inscricións para cursos de luxemburgués, por detrás dos franceses. Esta tendencia reflicte a forte presenza da comunidade portuguesa no país e o interese en aprender as linguas locais para facilitar a integración e as oportunidades educativas e profesionais.

    16 de xaneiro de 2026

    Na Illa de Man comezou oficialmente o Ano do Gaélico da Illa de Man 2026, cunha serie de eventos gratuítos en diferentes lugares para animar a cidadanía a coñecer e participar nesta iniciativa. Os encontros, organizados pola rede Jeebin, están deseñados para ser accesibles e informais, permitindo que todas as persoas interesadas celebren e promovan a lingua propia da illa.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder