A cuarta edición do Concurso Literario “As minhas férias”, organizado pola Asociación Internacional de Lusodescendentes en colaboración coa editorial Leya, celebrouse co tema Mozambique como destino literario, destacando a diversidade cultural e paisaxística do país e a súa relevancia para o futuro da lingua portuguesa. Ao redor de 150 participantes presentaron textos que describen experiencias, imaxes e reflexións sobre o país africano, abordando temas como paisaxes, historia, desigualdades sociais e medio ambiente.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O Goberno da República de Irlanda publicou unha estratexia para mellorar a prestación dos servizos públicos en lingua irlandesa, con especial atención ás zonas da Gaeltacht. O novo plan de acción recolle diversos compromisos para garantir servizos de calidade ás persoas falantes de irlandés, entre os que destaca a obriga de que o 20 % das novas contratacións do sector público sexan competentes en irlandés antes de 2030.
Fonte: RTÉ
O Consello Comarcal do Bages puxo en marcha unha campaña para fomentar o uso habitual do catalán no comercio e garantir os dereitos lingüísticos da clientela. A iniciativa aposta por unha mensaxe directa e humorística para combater prexuízos e promover que se comece e se manteña a lingua propia nas interaccións cotiás. O proxecto inclúe accións formativas e de apoio a establecementos, con recursos gratuítos e acompañamento pedagóxico.
O Goberno de Navarra puxo en marcha unha campaña dirixida ás familias para promover o valor social e cultural do éuscaro como herdanza de futuro para a infancia. A iniciativa, que ten como lema «Dales nuestro legado, dales euskera / Emaiezu hemengoa, emaiezu euskara», presenta a lingua propia como recurso de oportunidades nun contexto diverso e plurilingüe, con especial atención ás novas xeracións e á poboación migrante.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na inauguración do Coloquio Internacional «Os Corpora Documentalia Latina da Península Ibérica», organizado polo grupo de investigación do Proxecto Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA) do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH).
A Deputación da Coruña convocou unha nova edición do Premio Rosalía de Castro de Lingua para poñer en valor o labor a prol da normalización do galego. O recoñecemento distinguirá persoas, entidades e proxectos que destaquen pola promoción do idioma en distintos ámbitos sociais. Unha das modalidades céntrase especialmente en iniciativas dirixidas á infancia e á mocidade e aos novos espazos de uso lingüístico. Cada categoría contará cunha dotación económica de 5000 euros.
A Fundación Labayru impulsou unha gramática dixital centrada no éuscaro biscaíño co propósito de divulgar e prestixiar esta variedade lingüística. A ferramenta ofrece unha descrición ordenada dos seus trazos gramaticais e ortotipográficos, con exemplos contextualizados. O proxecto procura achegar o éuscaro occidental ao estándar e facilitar o seu uso tanto oral como escrito.
A plataforma Queremos Galego presentará o vindeiro 14 de marzo en Santiago o documento Lingua Vital, froito dun amplo proceso participativo para facer fronte á situación crítica do galego. O texto recolle propostas orientadas a reforzar o uso da lingua no ensino, nos servizos públicos e na vida social, así como a mellorar a súa calidade e a relación coa lusofonía. A iniciativa conta coa implicación de numerosas entidades e persoas vencelladas á defensa dos dereitos lingüísticos.
O Conselh Generau d’Aran e Lo Congrès Permanent de la Lenga Occitana impulsan a creación dun léxico dixital aranés con equivalencias en catalán, froito dun novo acordo de colaboración. O proxecto permitirá incorporar o aranés a ferramentas lingüísticas en liña e contará con entre 20.000 e 30.000 entradas. A iniciativa aposta pola tecnoloxía aplicada á normalización e á difusión da lingua. O léxico será de acceso público a través de distintas plataformas dixitais.
A Xunta de Galicia vén de apoiar a produción de Os Balbinos, liña de editorial de libros adaptados en lectura fácil. Así se deu a coñecer na presentación dos libros Os Balbinos visitan os museos naturais de Galicia, Os Balbinos visitan os pazos de Galicia e A Lúa e a Bal gústalles a música, de Xoán Carlos García Porral, Toño Núñez e ilustrados por Gabriel Iglesias Sanmartín, á que asistiron o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.
Boletín
Subscríbase ao boletín


