Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    05 de novembro de 2025

    A Facultade de Letras da Universidade de Liubliana (Eslovenia) organiza un evento dedicado á figura de Luís de Camões e á lingua portuguesa, co obxectivo de promover o idioma e a lusofonía nun contexto internacional, así como de fortalecer os lazos culturais e académicos entre Portugal e o país balcánico.

    Fonte: Bom dia

    05 de novembro de 2025

    A compañía galesa Theatr Cymru presentará unha versión bilingüe en inglés e galés de Romeo and Juliet de William Shakespeare, e protagoniza un fito histórico: por primeira vez o idioma galés soará no mítico teatro londiniense Globe. Nesta versión, a familia Montague fala galés mentres que os Capuleto falan inglés, o que xera tensión dramática e unha reflexión sobre a lingua e sociedade.

    Fonte: BBC

    05 de novembro de 2025

    Máis dun cento de entidades presentaron o Correllengua Agermanat, unha nova iniciativa que busca unir os territorios de fala catalá e reivindicar a lingua como vínculo común. A partir do 19 de abril de 2026, percorrerá 17 etapas e máis de 1500 quilómetros, pasando por Cataluña, Comunidade Valenciana, Cataluña Norte ou L’Alguer.

    Fonte: Diari de la Llengua

    05 de novembro de 2025

    O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña puxo en marcha «Eu tamén falar», unha iniciativa destinada a crear espazos seguros de conversa en galego para a comunidade universitaria. A través de encontros mensuais, o alumnado poderá aprender ou perfeccionar o idioma nun ambiente distendido.

    Fonte: Consello da Cultura Galega 

    05 de novembro de 2025

    O Plan de linguas 2026-2030 define a estratexia da UIB para reforzar o uso do catalán e promover o multilingüismo. O documento busca consolidar o catalán como lingua propia da institución e potenciar a diversidade lingüística como ferramenta de apertura internacional.

    05 de novembro de 2025

    O Consello da Cultura Galega presentou o libro Identidades e ideoloxías perante a diversidade lingüística, coordinado por Elisa Fernández Rei, Estela Fidalgo-Garra e Miguel Guisantes-Alonso. A publicación reúne dez estudos que examinan a construción das identidades lingüísticas e as ideoloxías que as sosteñen, tanto en Galicia como noutros contextos multilingües. Estruturada en dous bloques, a obra achega novas perspectivas sobre o papel da lingua en ámbitos educativos, migratorios e familiares.

    04 de novembro de 2025

    Un estudo elaborado pola Universidade de Maryland e Microsoft revelou que, de 26 linguas analizadas, o polaco é o idioma mellor comprendido polas ferramentas de intelixencia artificial. O portugués ocupa a oitava posición e o inglés a sexta. 

    Fonte: SIC Notícias

    04 de novembro de 2025

    Mensagem, a obra emblemática de Fernando Pessoa foi traducida por primeira vez ao tetún, lingua oficial de Timor Leste. A edición busca achegar o clásico portugués ao público timorense e reforzar os vínculos culturais entre ambos territorios lusófonos.

    Fonte: Correio da Manhã

    04 de novembro de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou en Donostia nunha xornada dedicada ao impulso das linguas oficiais do Estado na intelixencia artificial, tras formar parte, xunto cos seus homólogos do País Vasco, Cataluña, Navarra, Comunidade Valenciana e Illas Baleares, na constitución do novo Consejo de las Lenguas Oficiales, órgano estatal de seguimento en materia de política lingüística.

    04 de novembro de 2025

    O Concello de Pamplona impulsa unha nova edición do programa «Sartu eta Sortu», destinado a fomentar o uso social e cultural do éuscaro entre o alumnado de primeiro da ESO. Sete centros do modelo D participan nesta iniciativa, que ofrece encontros en éuscaro con creadoras e creadores recoñecidos da cultura, a ciencia e o deporte.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder