O proxecto, creado por alumnado do IES Rafael Dieste da Coruña, recibiu o Premio da Cultura Galega 2025 na categoría de Lingua polo seu labor de promoción do galego entre a mocidade. Nacido como iniciativa educativa, o programa transformouse nun movemento social que visibiliza o uso da lingua en espazos cotiáns e profesionais, especialmente a través das redes. O xurado destacou a súa capacidade para combinar educación, participación xuvenil e innovación comunicativa nun exemplo de compromiso co galego vivo e contemporáneo.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A Universidade de Nottingham, no Reino Unido, decretou a suspensión de todos os graos e cursos de linguas modernas e música para novo alumnado.
Fonte: BBC
O goberno do estado brasileiro de Minas Xerais, a través da Secretaría de Estado de Educación presentou o proxecto “Minas Bilíngue”, que ten como obxectivo desenvolver en escolas públicas a competencia nunha segunda lingua, valorizar a diversidade cultural e preparar o alumnado para actuar de maneira crítica nun mundo globalizado. A iniciativa contempla tamén intercambios internacionais e formación docente.
A Consellería de Política Lingüística ampliará en 10 000 as prazas para cursos de catalán de niveis iniciais A1 e A2, grazas ás axudas concedidas a concellos, consellos comarcais e entidades sociais. Estas novas prazas súmanse ás máis de 41 000 persoas xa inscritas, unha cifra récord impulsada polo plan de choque para o ensino do catalán.
Fonte: 20minutos
O Concello de Carballo incorporou o programa Elos, unha iniciativa de voluntariado lingüístico creada polo Concello de Santiago en 2021, para favorecer o uso social do galego. O proxecto pon en contacto persoas que queren aprender ou practicar a lingua con outras dispostas a axudalas, establecendo conversas semanais de, polo menos, unha hora.
Fonte: Consello da Cultura Galega
O Concello de Lalín presenta o ciclo «Un Lalín de cine», unha iniciativa que ofrece sete domingos consecutivos de proxeccións en galego con entrada libre no auditorio municipal. O programa, apoiado pola Secretaría Xeral da Lingua, busca fomentar o consumo audiovisual en galego e achegar o cinema á veciñanza nun espazo de encontro cultural.
O Concello de Ames estrea o documental Promover o galego dende o local, producido por Nós Televisión, que amosa o labor municipal na dinamización lingüística a través de proxectos como Galetiktokers, Modo galego, actívao!, os Premios Lingua e Empresa ou o Certame Literario. A peza, de 37 minutos, recolle testemuños de representantes institucionais, profesorado e alumnado, e reivindica o papel das administracións locais na promoción da lingua.
O Concello de Redondela incorporou códigos QR nas novas placas das rúas que permiten acceder á web Toponimia de Redondela, onde se explica a orixe e o significado dos nomes de máis de 2000 lugares do municipio. A iniciativa, pioneira en Galicia, converteu Redondela no primeiro concello en declarar a toponimia ben patrimonial no seu PXOM cun proxecto que busca preservar e divulgar este valioso patrimonio inmaterial entre a veciñanza e as persoas visitantes.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou en Donostia na constitución do novo Consejo de las Lenguas Oficiales, órgano estatal de seguimento en materia de política lingüística que substitúe ao anterior incorporando, entre outras novidades, como membros de pleno dereito aos representantes das comunidades autónomas con linguas oficiais: Galicia, País Vasco, Cataluña, Comunidade Foral de Navarra, Comunidade Valenciana e Illas Baleares.
A Xunta artellará máis de 60 actividades durante todo novembro para celebrar o Mes da ciencia en galego na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia xestionadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, así como nas dos centros educativos. Así o anunciou o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, na presentación da programación que ten como obxecto “tirar proveito destas centrais de coñecemento para derrubar clixés con respecto á divulgación científica e o emprego da nosa lingua nestas disciplinas”.
Boletín
Subscríbase ao boletín



