Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    03 de febreiro de 2026

    Unha investigación recente alerta de que o goberno chinés está a aplicar políticas que restrinxen o uso da lingua mongol en educación, medios dixitais e espazos culturais na rexión autónoma da Mongolia Interior. O informe denuncia censura, peches de plataformas nesta lingua e medidas que contribúen á erosión da identidade cultural mongol.

    Fonte: Bitter Winter

    03 de febreiro de 2026

    Presentouse en Miranda do Douro un novo organismo para a promoción da lingua mirandesa (EMPLM, polas súas siglas en portugués), que estará dedicado á defensa e promoción da lingua mirandesa, cun foco especial na súa integración no sistema educativo. O obxectivo principal é reforzar o ensino do mirandés nas escolas e garantir a transmisión da lingua ás novas xeracións.

    Fonte: Jornal de Notícias

     

    03 de febreiro de 2026

    Segundo a Enquisa de Usos Lingüísticos da Poboación (2023), o catalán perdeu presenza social desde 2003 e deixou de ser maioritario en diferentes ámbitos, con retrocesos claros nas amizades, no fogar, no comercio, na banca e na atención sanitaria. O uso exclusivo do catalán baixou de forma marcada e medrou o peso doutras linguas, ao tempo que aumenta a identificación simultánea con catalán e castelán.

    03 de febreiro de 2026

    A Deputación Foral de Guipúscoa cederalles a HiTZ Zentroa (EHU) e a Euskorpora corpus e contidos propios para reforzar a presenza do éuscaro nas tecnoloxías de intelixencia artificial. O convenio pretende paliar a falta de datos nesta lingua e mellorar modelos públicos e abertos, con aplicacións útiles tamén para a administración e a industria.

    03 de febreiro de 2026

    O portal Diximed incorporou unha versión en éuscaro para achegar contidos de saúde á infancia, con vocabulario básico, atlas do corpo e infografías pensadas para consultas sinxelas. A iniciativa, nacida para explicar termos médicos con claridade a persoas de 6 a 12 anos, engade 300 entradas con debuxos e gravacións, ademais dun apartado sobre a covid-19.

    03 de febreiro de 2026

    O Dicionario da Real Academia Galega pechou 2025 con case 32 millóns de consultas, o que confirma o seu peso como ferramenta dixital de referencia. A RAG salienta o crecemento sostido na última década e a actualización constante dunha obra con máis de 56 000 entradas. Entre os recursos máis usados tamén figuran as guías de nomes e de apelidos galegos, con centos de miles de procuras.

    03 de febreiro de 2026

    O conselleiro de Educación Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación dun documental sobre a figura de Otero Pedrayo no marco dos actos conmemorativos do 50 aniversario do seu pasamento e do Ano Oteriano impulsados pola fundación do escritor de Trasalba e que contan co apoio da Xunta de Galicia.

    02 de febreiro de 2026

    O Premio Pedro Lafuente en aragonés ten como obxectivo impulsar a creación literaria e recoñecer o labor de difusión desta lingua. O certame inclúe catro modalidades —narración curta, poesía, infancia (3-12 anos) e empresa—, ás que se poden presentar textos inéditos en aragonés ata o 2 de abril de 2026. A dotación suma 1300 euros para as categorías literarias e un recoñecemento honorífico para a modalidade empresarial.

    02 de febreiro de 2026

    Un estudo recente publicado na revista científica Nature indica que as persoas multilingües poden conservar a saúde cerebral durante máis anos en comparación coas monolingües. A investigación suxire que falar varias linguas está relacionado cun mellor funcionamento cognitivo e cun atraso nos efectos do envellecemento cerebral.

    Fonte: PsyPost

    02 de febreiro de 2026

    O Servizo de Normalización Lingüística da USC e a Comisión de Normalización da Facultade de Óptica crearon un kit dixital para promover a terminoloxía da óptica oftálmica. O paquete inclúe un glosario multilingüe cos termos básicos e unha guía interactiva ilustrada sobre elementos das monturas de anteollos. Tamén recolle as versións oficiais en galego das normas UNE-EN ISO de terminoloxía óptica, con acceso restrinxido aos equipos da USC.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder