Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    10 de novembro de 2025

    O TERMCAT, Centro de Terminoloxía de Cataluña, celebrou os seus 40 anos cun acto onde se destacou o seu labor na normalización e actualización da lingua catalá, contribuíndo á creación de máis de 230.000 termos e ao uso do catalán en ámbitos científicos, tecnolóxicos e culturais.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    10 de novembro de 2025

    Na 20.ª edición da Festa Literaria Internacional de Pernambuco, que terá lugar en Recife do 13 ao 16 de novembro, presentarase o Manifesto da Lusofonía, un documento que promove a creación dunha Bienal da Lusofonia, iniciativa que reunirá escritores e artistas de todos os países e rexións de lingua portuguesa e reivindica o portugués como patrimonio común.

    Fonte: e-Global

    10 de novembro de 2025

    Coincidindo co 66.º cabodano do poeta e dramaturgo Ramón Cabanillas, o Museo Ramón Cabanillas de Cambados acolleu a inauguración da exposición O teatro de Ramón Cabanillas. Alento poético e fondura dramática.

    Fonte: Real Academia Galega

    10 de novembro de 2025

    A actriz María Vázquez foi distinguida co XXIII Premio Ramón Piñeiro, Facer País, concedido pola Asociación Cultural Val de Láncara. Este galardón recoñece cada ano o labor de persoas ou institucións comprometidas co desenvolvemento de Galicia, coa súa lingua e a súa cultura.

    Fonte: Cultura galega

    10 de novembro de 2025

    Como cada 5 de novembro, o mundo celebra o Día Internacional da Lingua Romaní, efeméride marcada pola Conferencia Xeral da UNESCO para fomentar a preservación da lingua e cultura romanís.

    Fonte: Chajarí al día

    07 de novembro de 2025

    O colectivo "Perquè visquin les nosses llengües", que agrupa as principais entidades que loitan polas linguas minorizadas en Francia, constitúese formalmente en asociación para reforzar a súa acción conxunta fronte ás políticas que ameazan a diversidade lingüística. A enquisa do Instituto Francés de Opinión Pública revela que o 77 % dos habitantes do Estado francés apoia o recoñecemento das linguas rexionais, unha cifra que sobe ao 87 % na Cataluña Norte.

    07 de novembro de 2025

    Gonzalo Celorio (Cidade de México, 1948), director da Academia Mexicana da Lingua, foi galardoado co máximo recoñecemento da literatura en lingua española, o Premio Miguel de Cervantes 2025, que lle foi outorgado pola súa "obra literaria excepcional e labor intelectual con que contribuíu de forma profunda e sostida ao enriquecemento do idioma e da cultura hispánica".

    Fonte: El Castellano

    07 de novembro de 2025

    A Fundación Florencio Delgado Gurriarán impulsa, coa colaboración da Xunta de Galicia, o Dicionario da fala valdeorresa, un proxecto participativo orientado á recuperación e o estudo do léxico propio de Valdeorras. A iniciativa promove a implicación directa da veciñanza mediante obradoiros, encontros e traballos de campo, nos que as persoas participantes achegan palabras e expresións que serán revisadas pola comisión de lingua da entidade para garantir así o seu rigor e valor etnográfico.

    07 de novembro de 2025

    O Plan Estratéxico AROA 2025-2035 ten como obxectivo fortalecer o uso do éuscaro tanto na Administración como na vida cotiá da cidade. O plan inclúe medidas para mellorar a transmisión familiar do idioma, facilitar novas oportunidades de aprendizaxe, potenciar a expresividade infantil e xuvenil, e fomentar o uso desta lingua no ocio, no deporte e no ámbito socioeconómico.

    07 de novembro de 2025

    A Real Academia Española presentou en Madrid as novas ferramentas creadas no proxecto LEIA (Lingua Española e Intelixencia Artificial), destinado a protexer e potenciar o uso do español no ámbito dixital e da IA. A iniciativa, apoiada polo Ministerio para a Transformación Dixital, inclúe un observatorio de palabras, sistemas de verificación lingüística, un servizo de consultas e un mapa das variedades do español.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder