Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    03 de setembro de 2019

    A Fundación Eira da Xoana recibiu o premio Gabriel Barreiro Toural, coñecido como Garabato, pola súa defensa do patrimonio cultural galego, a súa aposta polo mundo rural, a súa contribución á creación da conciencia ecolóxica e o seu compromiso coa lingua galega.

    Fonte: Faro de Vigo

    03 de setembro de 2019

    Unha nova canción de Magín Blanco dedicada aos meses do ano a partir do libro O tempo cronolóxico quere contribuír a paliar a escaseza de materiais didácticos en galego dirixidos a nenas e nenos de ata seis anos de idade.

    Fonte: Sermos Galiza

    02 de setembro de 2019

    A Comisión Europea lanza a décimo terceira edición do concurso de tradución Juvenes Translatores que promoverá o coñecemento lingüístico entre alumnado de centros de ensino medio de toda a Unión Europea.

    Fonte: Government Europa

    02 de setembro de 2019

    O Museo da Lingua Portuguesa de São Paulo reabriu parcialmente para ofrecer unha programación educativa para nenos e nenas. Entre as actividades destaca un club de lectura e a exhibición de filmes e teatro.

    Fonte: Folha de São Paulo

    02 de setembro de 2019

    A denuncia a Air Canada realizouna unha parella de Ontario por considerar que a compañía vulnera os dereitos lingüísticos dos francófonos ao utilizar predominantemente o inglés. Segundo a Lei de idiomas oficiais do Canadá, este país é bilingüe, polo que inglés e francés teñen o mesmo status, o que significa que todos os servizos en aeronaves deben ofrecerse nas dúas linguas.

    Fonte: Público

    02 de setembro de 2019

    Estes cursos básicos están dirixidos a persoas recentemente chegadas á comarca guipuscoana de Oarsoaldea para que aprendan éuscaro. Polo momento, a fase de inscrición permanece aberta e os cursos comezarán en outubro.

    Fonte: Diario Vasco

    02 de setembro de 2019

    O Concello de Ames organiza un ano máis os Obradoiros de Lingua e Cultura "En galego, co teu acento!", unha actividade gratuíta de 30 horas de duración destinada a persoas de fóra de Galicia que vivan neste municipio.

    Fonte: Concello de Ames

    02 de setembro de 2019

    A rede social galega Caxigo.gal ofreceralles unha mellor experiencia aos seus usuarios e usuarias a través dun novo deseño, novas funcionalidades da rede e novas posibilidades da aplicación móbil.

    Fonte: Código Cero

    02 de setembro de 2019

    Ao longo do mes de outubro impartiranse en Palma 30 cursos de catalán especialmente dirixidos a persoas que acaban de chegar á cidade. Por este motivo, o folleto de promoción destes editouse en seis idiomas (catalán, castelán, inglés, alemán, chinés e árabe).

    Fonte: 20 minutos

    30 de agosto de 2019

    Nos últimos tempos, escritores e xornalistas portugueses incrementaron o seu interese pola lingua galega. Proba disto son as reportaxes e as entrevistas publicadas recentemente en prestixiosas revistas de Portugal, das que se fixeron eco xornais como Público ou Jornal de Nóticias.

    Fonte: Galicia Confidencial

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder