Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    28 de febreiro de 2019

    A Deputación de Guipúscoa aprobou unha convocatoria de axudas, cunha dotación de 1 172 715 euros, para entidades e particulares que traballan a prol do uso social do éuscaro.

    Fonte: Donostitik

    28 de febreiro de 2019

    O Festival Carballo Interplay chega á súa sexta edición que conta, entre as súas actividades, co Premio a proxectos de webserie en galego. Este galardón convócase por terceiro ano e ten unha dotación económica de 1500 euros para a proposta gañadora.

    Fonte: Código Cero

    28 de febreiro de 2019

    Valencia acolleu unhas xornadas nas que se deu cita persoal técnico dedicado á dinamización lingüística das diferentes linguas oficiais do Estado para poñer en común e intercambiar proxectos e boas prácticas no fomento das linguas.

    Fonte: El Periodic

    27 de febreiro de 2019

    Un total de tres centros de ensino secundario de Ajaccio, en Córsega, manifestou o seu rexeitamento á reforma decretada por Francia que reduce significativamente o número de horas de ensino de corso nos centros educativos.

    Fonte: Corse Net Infos

    27 de febreiro de 2019

    Unhas 5000 persoas manifestáronse na cidade de Toulouse para mostrar o seu rexeitamento ás medidas que obrigan á supresión do occitano do ensino público.

    Fonte: Jornalet

    27 de febreiro de 2019

    A Axencia Tributaria permitiralles aos contribuíntes realizar as súas xestións en liña con Facenda en galego, catalán e valenciano. Non se inclúe o éuscaro porque en Navarra e o País Vasco responden ante as axencias forais das tres provincias vascas e a navarra.

    Fonte: El Confidencial Digital

    27 de febreiro de 2019

    A Colección Clásicos do Pensamento Universal amplíase coa incorporación de tres novos volumes traducidos ao galego. Trátase de Leviatán, de Thomas Hobbes; Sobre a liberdade, de John Stuart Mill; e Unha breve historia do tempo, de Stephen Hawking.

    Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

    27 de febreiro de 2019

    Innovación lingüística e promoción do éuscaro únense nun novo proxecto posto en marcha pola Deputación de Guipúscoa en colaboración coa Fundación Elhuyar, a consultoría Emun, a Asociación Langune e o Clúster de Sociolingüística. Trátase do Laboratorio Cooperativo de Innovación Lingüística co que se pretende impulsar iniciativas que supoñan unha novidade en diferentes sectores da sociedade vasca co obxectivo de que o éuscaro adquira protagonismo no actual contexto multilingüe.  

    26 de febreiro de 2019

    As zonas de Gwynedd, Anglesey, Ceredigion e Carmarthenshire, condados galeses onde se atopa o maior número de falantes de galés, recibirán apoio financeiro para crear iniciativas que incentiven o desenvolvemento comercial co obxectivo de reter a marcha dos falantes máis novos.

    Fonte: Daily Post

     

    26 de febreiro de 2019

    A Universidade Libre de Ámsterdam eliminará da súa oferta de estudos o grao en lingua neerlandesa pola baixada no número de matrículas e a inviabilidade económica.

    Fonte: Dutch News

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder