Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    25 de febreiro de 2019

    Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, participou nun encontro co empresariado responsable dos establecementos de hospedaxe de Redondela coorganizado pola Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Cultura e Turismo, polo Concello e pola Asociación de Empresarios de Redondela.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    25 de febreiro de 2019

    O Tribunal Supremo confirmou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que en 2016 anulou varios artigos da Ordenanza de uso do galego do Concello de Lugo tras unha denuncia de Galicia Bilingüe.

    Fonte: Lugo Xornal

    25 de febreiro de 2019

    A Real Academia Galega e o Concello de Ames asinaron un convenio para elaborar o I Mapa Sociolingüístico Escolar de Ames 2019-2020. Para o desenvolvemento deste proxecto, a RAG analizará a situación do galego entre a infancia e a mocidade a través do estudo dos principais contextos de socialización da poboación de ata 18 anos do considerado como municipio máis novo de Galicia.

    25 de febreiro de 2019

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou nos actos de homenaxe a Rosalía de Castro polo 182 aniversario do seu nacemento. 

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    25 de febreiro de 2019

    O Goberno de Navarra e a Real Academia da Lingua Vasca renovaron o compromiso de colaboración que veñen mantendo dende hai máis dun século. Fixérono durante un acto no que se destacou a importancia do labor realizado por Euskaltzaindia a prol do éuscaro e dos dereitos dos euscaldúns.

    Fonte: Noticias de Navarra

    25 de febreiro de 2019

    Co gallo do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado ao investigador e profesor Antón Fraguas Fraguas, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Antonio Fraguas Fraguas e o Consello da Cultura Galega, en colaboración coa CRTVG, deseñaron un amplo programa de actividades que abranguen iniciativas no eido literario, expositivo, deportivo, empresarial, musical e escénico, entre outros, dirixidas a todos os públicos, e que terán como acto central o propio Día das Letras, o vindeiro 17 de maio.

    25 de febreiro de 2019

    O Plan de utilización do éuscaro de Deba, que terá unha vixencia de catro anos, foi aprobado por unanimidade pola corporación municipal. Este documento ten como obxectivo aumentar o emprego desta lingua no Concello para garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía.

    Fonte: Noticias de Gipuzkoa

    22 de febreiro de 2019

    Fontes de diferente índole anunciaron que a Academia Francesa permitirá finalmente a feminización das palabras relacionadas cos oficios en Francia. Con esta medida uniformarase un uso xa normalizado noutros países francófonos como o Quebec, Bélxica ou Luxemburgo.

    Fonte: L'Express

    22 de febreiro de 2019

    O presidente de Cabo Verde, José Carlos Fonseca, aproveitou a celebración do Día Internacional da Lingua Materna para recomendar a constitución dunha norma para o crioulo caboverdiano que permita a súa introdución no ensino.

    Fonte: Diário de Notícias

    22 de febreiro de 2019

    Segundo un informe sobre a situación educativa dos fillos de inmigrantes en Euskadi, estes optan maioritariamente polos modelos lingüísticos B e D, os que contan con maior presenza do éuscaro, en especial en Primaria, mentres que en Secundaria existe unha maior preferencia polo modelo A.

    Fonte: Noticias de Gipuzkoa

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder