Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    13 de febreiro de 2019

    O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicou a aprobación definitiva da Ordenanza para o impulso da lingua galega no Concello da Guarda, un texto que establece o galego como lingua propia e oficial da institución.

    Fonte: CTNL

    13 de febreiro de 2019

    Arredor dun milleiro de familias elixiu o ensino en éuscaro en Pamplona e a súa comarca. Así, a demanda nas ikastolas da rede concertada incrementouse 5,5 % respecto ao ano anterior, mentres que na rede pública mantéñense cifras semellantes.

    Fonte: Noticias de Navarra

    12 de febreiro de 2019

    A ministra de Sanidade de Dinamarca, Ellen Trane Nørby, está preparando unha nova lexislación que obrigará os facultativos médicos a acadaren un certo nivel da lingua dinamarquesa para poder traballar no país.

    Fonte: The Local

    12 de febreiro de 2019

    O secretario de Asuntos Sociais e Cultura de Macau, Alexis Tam, gabou os esforzos emprendidos polo Goberno de Macau na promoción da lingua e cultura portuguesas. Actualmente existen 6700 estudantes de portugués nas escolas de ensino secundario.

    Fonte: RTP

     

    12 de febreiro de 2019

    Dende a asociación Avante LGTB defenden que o filme dirixido por Isabel Coixet Elisa e Marcela debeu rodarse en galego, para amosar de xeito máis fiel a realidade da Coruña de principios do século XX. Xa que isto non foi así, reivindican que, polo menos, se faga a dobraxe a esta lingua da película que vai emitir Netflix.

    Fonte: Galicia Confidencial

    12 de febreiro de 2019

    A edición en catalán do xornal El País centrarase nesta nova etapa en ampliar a cobertura en Barcelona e apostará por informacións e reportaxes en profundidade e por artigos de opinión centrados en Cataluña.

    Fonte: El País

    12 de febreiro de 2019

    O Concello ourensán acaba de convocar o XXXV Premio de Poesía Cidade Ourense, dotado con 6000 euros e a publicación da obra gañadora, ao que poderán presentarse traballos inéditos e orixinais que estean escritos en lingua galega ou portuguesa.

    Fonte: Faro de Vigo

    12 de febreiro de 2019

    A campaña, dirixida ás familias con nenas e nenos menores de cinco anos, ten como obxectivo destacar a importancia da transmisión do éuscaro, para o cal se pon á súa disposición a través dunha web diferentes recursos como debuxos, contos etc.

    Fonte: El Correo

    11 de febreiro de 2019

    O deputado da Illa de Jersey, Jeremy Maçon, fixo unha proposta para que a lingua normanda que se fala nese territorio do Canal da Mancha, o jérrais, poida aparecer como idioma principal na sinalización pública.

    Fonte: ITV

    11 de febreiro de 2019

    O emirato de Abu Dhabi dos Emiratos Árabes Unidos vai oficializar o uso do hindi nos tribunais co obxectivo de que os traballadores e traballadoras que falen esta lingua poidan ter pleno acceso á xustiza.

    Fonte: The National

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder