Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    08 de febreiro de 2019

    A Deputación da Coruña e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia mantiveron unha reunión para avanzar na accesibilidade da comunicación para persoas con discapacidade auditiva. En concreto, estudouse a posibilidade de transmitir os plenos por streaming con subtítulos e interpretación á lingua de signos.

    Fonte: Deputación da Coruña

    08 de febreiro de 2019

    A Escola Galega de Administración Pública (Egap) convoca cursos para o persoal ao servizo da Administración autonómica, entre os que se atopan tres de contido lingüístico: “A calidade da redacción administrativa. Técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos”, “Actualización gramatical e ortográfica na lingua galega” e “Redacción de documentos técnico-xurídicos en galego”.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    08 de febreiro de 2019

    O deputado xeral Markel Olano visitou a factoría Niessen para coñecer o seu traballo a prol da igualdade lingüística no ámbito laboral. Neste acto destacou a importancia de promover o emprego do éuscaro como estratexia empresarial para avanzar na normalización desta lingua e engadir valor á actividade da propia empresa. 

    Fonte: Noticias de Gipuzkoa

    08 de febreiro de 2019

    Falantes bolivianos de linguas como o paunaka e o kumsa están facendo as xestións necesarias para que estes modos de expresión sexan recoñecidos oficialmente polo Instituto Plurinacional paro o Estudo de Linguas e Culturas de Bolivia.

    Fonte: Xinhua

    08 de febreiro de 2019

    A Comunidade de Aglomeración do País Vasco francés que representa 158 comunidades deste territorio de Francia votou a favor de recoñecer o éuscaro e o gascón como idiomas oficiais da institución.

    Fonte: Sud Ouest

    07 de febreiro de 2019

    Os catro grupos con representación na Cámara galega aprobaron unha proposición para animar a Xunta de Galicia a presentar unha candidatura para que a toponimia sexa declarada Patrimonio da Humanidade da Unesco.

    Fonte: Galicia Confidencial

    07 de febreiro de 2019

    O Goberno de Mallorca impulsou a gravación dun tema musical baixo o título «Som molts!» («Somos moitos!»), co obxectivo de reivindicar o uso do catalán entre a poboación da illa.  

    Fonte: ABC

    07 de febreiro de 2019

    O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicou a aprobación definitiva da Ordenanza municipal de uso, emprego e defensa do galego no Concello de Cerdedo-Cotobade, un texto aprobado no Pleno municipal o 29 de novembro de 2018. Este texto declara o galego como idioma oficial do Concello, por ser lingua propia de Galicia, sen prexuízo da cooficialidade do castelán.

    07 de febreiro de 2019

    Representantes da Universidade do País Vasco, a Universidade de Deusto, a Universidade de Mondragón e Tecnun reuníronse cun deputado provincial parar asinar un acordo de colaboración destinado a incidir nos hábitos lingüísticos e na motivación a prol do éuscaro entre o alumnado.

    Fonte: DonostiTik

    06 de febreiro de 2019

    O Instituto Camões lanzou un premio literario de 15 000 euros para distinguir obras escritas por autoras ou autores de Angola. A primeira edición premiará traballos escritos en poesía.

    Fonte: Observador

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder