Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    14 de xaneiro de 2019

    O novo servizo de noticias para as illas Baleares ofrecerá a actualidade diaria das illas en catalán e tratará todo tipo de temas. A difusión realizarase a través dunha páxina web específica e potenciarase mediante un perfil propio en Twitter.

    Fonte: Mallorca Diario

    14 de xaneiro de 2019

    A Consellería de Cultura e Turismo, a través do director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, participou no acto inaugural da programación das Letras Galegas 2019 en Cotobade, vila natal de Antonio Fraguas, intelectual homenaxeado na edición deste ano e fillo predilecto destas terras.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    14 de xaneiro de 2019

    Co lema “Na Universidade… onde queiras, pero coa lingua”, o calendario de 2019 da Área de Normalización Lingüística está deseñado para a súa distribución polas redes sociais, de maneira que cada mes vai acompañado dunha peza audiovisual.

    Fonte: Universidade de Vigo

    11 de xaneiro de 2019

    O Goberno británico confirmou a través do seu ministro de Estado para os Centros de Ensino, o conservador Nick Gibb, que creará un centro de excelencia de ensino de linguas modernas na Universidade de York que axudará a revitalizar a aprendizaxe das linguas estranxeiras no Reino Unido.

    Fonte: UK Government

    11 de xaneiro de 2019

    O vicepresidente da Asemblea da República de Portugal, Jorge Lacão, defendeu a creación dunha canle de televisión lusófona de escala planetaria para todos os países de lingua portuguesa.

    Fonte: Mundo Lusíada

    11 de xaneiro de 2019

    O BNG presentou unha moción para solicitarlle á Deputación de Ourense que aprobe unha liña de axudas para o comercio local e de proximidade, así como para recuperar as feiras e mercados tradicionais, unha petición que implica tamén o apoio á etiquetaxe en galego.

    Fonte: Faro de Vigo

    11 de xaneiro de 2019

    O alumnado de calquera nivel educativo poderá participar no concurso de microrrelatos e micropoemas en galego organizado polos centros de ensino da Estrada para fomentar a creación literaria nesta lingua e que este ano alcanza a súa sexta edición.

    Fonte: Faro de Vigo

    11 de xaneiro de 2019

    A Plataforma per la Llengua anima a poboación de Cataluña a que participe nunha enquisa posta en marcha por Netflix para coñecer as preferencias lingüísticas das persoas usuarias. O obxectivo é que a empresa avance na normalización do uso do catalán.

    Fonte: El Nacional

    11 de xaneiro de 2019

    A Deputación da Coruña destinará 480 000 euros á convocatoria de axudas para a creación, mantemento e reforzo dos servizos municipais de normalización lingüística destinadas a concellos, mancomunidades e entidades locais da provincia. Así mesmo, os concellos poderán acceder ao programa “Lingua á escena” da Rede Cultural desta institución.

    Fonte: Deputación da Coruña

    11 de xaneiro de 2019

    Os presidentes de ambas as institucións mantiveron unha reunión na que asinaron un acordo de amizade e colaboración co obxectivo de estreitaren lazos entre o portugués e o galego.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder