A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2026 á escritora e xornalista Begoña Caamaño, falecida en 2014. A decisión, tomada no pleno celebrado na Coruña, recoñece a súa obra literaria, que inclúe dúas novelas baseadas nos mitos da Odisea e o artúrico, e a súa traxectoria xornalística, comprometida co galego e coa verdade.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
Takekazu Asaka presentou en Mondoñedo Obra escolleita, a súa tradución ao xaponés dunha selección de textos de Álvaro Cunqueiro. A obra inclúe dous poemas temperáns, un fragmento de Merlín e familia e dous textos gastronómicos que amosan a relación de Cunqueiro coa cultura nipoa. Este traballo amplía a contribución de Asaka na difusión da literatura galega no Xapón e súmase a outras traducións de autores como Rosalía de Castro e Uxío Novoneyra.
O Instituto Catalán das Empresas Culturais (ICEC) abriu a convocatoria de subvencións para apoiar a edición de audiolibros en catalán e occitano. As axudas, que se outorgan por concorrencia non competitiva, están dirixidas a empresas editoriais e cobren publicacións realizadas entre novembro de 2024 e outubro de 2025.
O ministro Félix Bolaños anunciou que o Goberno vasco creará 474 prazas para garantir o uso do éuscaro en diferentes tarefas da Administración de Xustiza, como tramitación e xestión. A decisión responde ás queixas sobre a escasa presencia do éuscaro nas sentenzas e o seu uso limitado neste ámbito
Fonte: Iustel
O secretario xeral da lingua, Valentín García, inaugurou o XXV Simposio Internacional do Atlas Linguistique Roman, unha cita que Santiago de Compostela acolle por cuarta vez, e que ten lugar nas instalacións do Centro Ramón Piñeiro e a Facultade de Filoloxía. Trátase dunha iniciativa que reúne a investigadores de diversos territorios románicos participantes neste atlas interpretativo composto por mapas e monografías que mostran a diversidade lingüística das distintas zonas territoriais.
As televisións públicas de Euskadi (EITB), Cataluña (3CAT) e Galicia (TVG) uníronse para crear Pensión Incompleta, a primeira serie gravada nas catro linguas oficiais do Estado. A coprodución, que se presentou no marco do foro Conecta Fiction & Entertainment, mesturará galego, éuscaro, catalán e castelán como linguas orixinais e ten previsto o seu lanzamento en 2026.
Fonte: CRTVG
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou o valor do audiovisual como “unha ferramenta con grandes posibilidades para potenciar a creatividade, e en galego, entre os escolares da Comunidade”. Así o valorou na entrega dos premios ás mellores curtametraxes de animación do concurso «Nós tamén creamos!» 2024-2025, no Centro Galego de Arte Contemporánea.
Centos de persoas participaron no Araba Euskaraz 2025, unha festa das ikastolas arabesas que ten como obxectivo reivindicar o impulso do uso do éuscaro baixo o lema ‘Etengabe’. A celebración incluíu espectáculos, concertos e actividades dirixidos especialmente á infancia e á mocidade.
Fonte: EFE
Portugal reforma a súa lei migratoria para ampliar os dereitos dos inmigrantes cualificados de países lusófonos. A nova norma facilita o acceso á residencia e ao emprego e reforza a cidadanía lingüística da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP), equiparando condicións mediante o recoñecemento da lingua e das cualificacións profesionais.
Fonte: Público
Ucraína anunciou o desenvolvemento do seu primeiro modelo de linguaxe amplo (LLM) en ucraíno, presentado polo Ministerio de Transformación Dixital e Kyivstar, a principal empresa de telecomunicacións do país.
Fonte: Capacity Media
Boletín
Subscríbase ao boletín




