Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    17 de xuño de 2025

    O Diccionari de la transició energètica, elaborado polo TERMCAT co asesoramento de expertos en enerxía e cambio climático, inclúe 551 termos clave sobre a transición enerxética cos que busca garantir a precisión terminolóxica e promover o uso do catalán neste ámbito estratéxico.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    17 de xuño de 2025

    A Universidade da Coruña organizou unha actividade no campus de Elviña no marco do proxecto “O campus nomeado”, que busca recuperar e poñer en valor a toponimia tradicional da zona. O percorrido incluíu lugares como A Cortiña, As Carballeiras e O Souto e contou coa colaboración das asociacións veciñais.

    17 de xuño de 2025

    A escritora Berta Dávila recibiu o Premio Ostana Scritture in lingua madre 2025 na categoría Giovani polo seu compromiso co galego. Deste xeito, convértese na cuarta persoa distinguida en representación desta lingua tras Manuel Rivas, Craig Patterson e Alfredo Conde.

    Fonte: Culturagalega

    16 de xuño de 2025

    A rede de escolas en catalán La Bressola, da Cataluña Norte, asegurou a súa continuidade para o próximo curso grazas ás achegas extraordinarias de administracións, institucións e a sociedade civil. En total recadáronse 710 000 euros, o que permitiu que o prezo da matrícula aumentase tan só un 10 %.

    Fonte: Diari de la Llengua

    16 de xuño de 2025

    O filme Runa Simi, de Alberto Zegarra, foi recoñecida en Nova York co galardón ao mellor director novel. A cinta narra a historia de Fernando Valencia, un locutor de radio, e o seu periplo para traducir ao quechua a produción d'O rei León.

    Fonte: Forbes Perú

    16 de xuño de 2025

    Este convenio ten como obxectivo fomentar o uso do catalán entre a mocidade de Barcelona. Conta cun orzamento total de 1 630 493 euros e terá vixencia ata o 31 de decembro de 2026. As accións principais inclúen a creación de ferramentas formativas, a sensibilización de profesionais do ocio educativo e o desenvolvemento de campañas para promover esta lingua entre este colectivo.

    16 de xuño de 2025

    O director xeral de Euskarabidea, Javier Arakama, presentou convenios de colaboración con tres entidades navarras de desenvolvemento: TEDER, Consorcio de Zona Media e Cederna-Garalur. O obxectivo é contratar axentes de promoción do éuscaro e implementar un programa de actividades en 2025 para mellorar os dereitos lingüísticos da cidadanía.

    16 de xuño de 2025

    Takekazu Asaka presentou en Cambados a súa tradución ao xaponés de Samos, a última obra de Ramón Cabanillas. O académico continúa así achegando o legado literario do poeta galego á cultura nipoa, desta vez cos versos dedicados ao mosteiro onde Cabanillas atopou consolo tras a morte da súa muller e un fillo.

    13 de xuño de 2025

    Arredor de 1,2 millóns de alumnos e alumnas peruanos reciben actualmente ensino nalgunha das linguas dos 55 pobos orixinarios que conforman o Perú, como o quechua ou o aimará. O Ministerio de Educación proporciona alfabetos e materiais en 42 destas linguas, reforzando así a diversidade cultural e lingüística do país.

    Fonte: Infobae

    13 de xuño de 2025

    A cidade de Galway estableceu un acordo cunha organización neozelandesa para impulsar o uso do irlandés na produción de filmes e animación. A iniciativa inclúe programas de intercambio e colaboración creativa, co obxectivo de apoiar unha maior presenza da lingua irlandesa nun sector audiovisual en expansión.

    Fonte: Galwaybayfm

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder