Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    13 de xuño de 2025

    A Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE) lanzou unha campaña audiovisual para visibilizar as barreiras que as persoas xordas afrontan cando non teñen acceso á súa lingua natural. Con motivo do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, a campaña destaca como a falta de accesibilidade lingüística en áreas como o traballo, a sanidade e a educación xera exclusión e discriminación.

    13 de xuño de 2025

    O Departamento de Política Lingüística abriu o procedemento para que as entidades se adhiran ao Pacto Nacional pola Lingua, un compromiso colectivo para garantir o futuro do catalán. O pacto, aprobado tras un proceso de ampla participación cidadá, establece un plan ata 2030 para impulsar o uso do catalán en todos os ámbitos. As entidades que o asinan comprométense a promover o catalán co obxectivo de garantir a súa sostibilidade e presenza na sociedade.

    13 de xuño de 2025

    Este certame, dirixido á comunidade educativa, ten como obxectivo normalizar o uso oral do galego e contribuír a que este se converta en instrumento habitual de comunicación e creación de historias no ámbito escolar.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    13 de xuño de 2025

    Persoal investigador das universidades de Vigo e A Rioxa desenvolveu un modelo matemático que predí a evolución de linguas nun sistema multilingüe. O estudo, recentemente publicado na revista CSIAM Transactions on Applied Mathematics, revela que sen políticas lingüísticas adecuadas, as linguas minorizadas poden acabar extinguíndose.

    13 de xuño de 2025

    Unha investigación da Pontificia Universidade Católica de Valparaíso busca apoiar o labor de consulta sobre o uso da lingua mapuche ou mapudungun no dereito chileno. O proxecto tamén pretende visibilizar esta lingua como vehículo de comunicación oral e escrita en ámbitos especializados, malia os desafíos que supón traducir entre sistemas xurídicos e culturais distintos.

    Fonte: Pontificia Universidad Católica de Valparaíso

    13 de xuño de 2025

    A Iniciativa Cidadá Europea Minority Safepack, que desde 2017 procuraba promover medidas da UE a favor das linguas e culturas minorizadas, perdeu definitivamente a batalla legal no Tribunal de Xustiza da UE. O tribunal rexeitou o último recurso presentado contra a decisión da Comisión Europea de 2021. Así, péchase a vía xurídica para forzar novas accións en defensa das minorías nacionais.

    Fonte: Nationalia

    12 de xuño de 2025

    Este convenio de colaboración ten como obxectivo promover o estudo e o fomento do éuscaro. O acordo, cun orzamento de 60 000 euros, financiará proxectos como "EzBerdin Berdinak", que reflexiona sobre a identidade vasca, e "Elkarbizitzarako zubiak Nafarroan", centrado na convivencia intercultural. Ambos proxectos buscan fortalecer a transmisión cultural e fomentar o diálogo entre as diversas comunidades, especialmente en relación co éuscaro e a identidade de Navarra.

    12 de xuño de 2025

    O Departamento de Política Lingüística abriu o prazo para solicitar subvencións dirixidas á incorporación do catalán, o occitano e a lingua de signos catalá en longametraxes e series nas plataformas dixitais. O obxectivo é aumentar a oferta audiovisual nestes idiomas, incluíndo dobraxe, subtitulación e audiodescrición. Este ano, a dotación inicial é de 1,6 millóns de euros, que poderá ampliarse segundo a demanda.

    12 de xuño de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou en Ames o concerto Basal, co que Ugía Pedreira achega o seu último traballo, e que se trata “dunha das propostas coas que colaboramos desde a Xunta de Galicia no marco da programación para celebrar durante todo o ano estas Letras Galegas vencelladas á nosa música tradicional”, apuntou.

    11 de xuño de 2025

    O lingüista, escritor e tradutor Fernando Venâncio faleceu o 30 de maio en Mértola, Portugal, aos 80 anos. Foi un firme defensor da proximidade entre o galego e o portugués, autor de obras como Assim nasceu uma língua e colaborador habitual na prensa cultural. A súa figura é clave na divulgación e análise da historia e identidade lingüística lusófona.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder