Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    06 de xuño de 2025

    Un informe sinala que o tempo que o alumnado de Irlanda do Norte dedica ao estudo de linguas é o máis curto de Europa. Segundo outro estudo do British Council, o español superou por primeira vez o francés como idioma máis ensinado nas escolas da rexión.

    Fonte: BBC

    06 de xuño de 2025

    Andorra dá un novo paso na súa política lingüística coa creación do Consello Nacional para a Lingua. Este organismo reúne representantes institucionais e sociais para promover o uso do catalán. O seu obxectivo é facer seguimento da lei lingüística e fomentar o uso social da lingua en todos os ámbitos.

    Fonte: El Diari de la Llengua

    06 de xuño de 2025

    O libro Charrando aragonés, presentado na Feira do Libro de Huesca, destaca a vitalidade do aragonés na súa zona de uso predominante, a pesar das dificultades demográficas e sociais. A investigación, baseada en mil enquisas realizadas en 60 municipios de Aragón, revela que aproximadamente 35 000 persoas teñen contacto coa lingua, pero o número de falantes activos é menor, e a transmisión interxeracional está comprometida.

    06 de xuño de 2025

    A partir do vindeiro curso, as persoas que se matriculen no nivel básico A2 dos euskaltegis poderán facelo practicamente de xeito gratuíto, unha medida que forma parte da política de gratuidade impulsada polo Goberno vasco, que xa mostrou os seus efectos positivos ao incrementar as matriculacións nun 20 % no nivel A1 e un 73 % entre as persoas de 16 a 18 anos no nivel C1. A iniciativa tamén busca fortalecer o coñecemento e uso do éuscaro en diversos ámbitos sociais e laborais.

    06 de xuño de 2025

    O noveno volume da serie Toponimia do Val de Fragoso aborda máis de 150 topónimos da parroquia de Teis. A obra, elaborada por Vera Álvarez Suárez, recolle nomes relacionados coa auga, como regatos, ríos, fontes e praias, e describe a súa orixe histórica e etimolóxica. O traballo destaca a importancia de conservar e difundir a toponimia como parte da nosa memoria oral.

    06 de xuño de 2025

    Os Premios Mil Primaveras, creados pola CTNL en 2019, recoñecen e difunden proxectos que fomentan o uso e prestixio do galego. A sexta edición péchase o 7 de xuño coa entrega de galardóns a catro proxectos destacados: Brazolinda, «Galego para peques», «Modo galego, actívao!» e «Vitamina G» nun evento no Pazo de Cultura de Pontevedra.

    06 de xuño de 2025

    Un informe recente revela que en Romanía hai unha crecente demanda de profesionais que dominen idiomas estranxeiros, especialmente inglés, alemán e francés. As empresas buscan empregados multilingües para cubrir postos en sectores como atención ao cliente, tecnoloxía da información e finanzas.

    Fonte: Romania-Insider

    05 de xuño de 2025

    O Goberno vasco presentou Ahots Batuak, unha iniciativa que promove a diversidade lingüística e cultural como motor de transformación social e que aspira a incorporarse como un novo obxectivo da Axenda 2030. O proxecto busca reforzar os dereitos culturais e lingüísticos, impulsar alianzas globais e influír nas políticas internacionais, situando as linguas e culturas como elementos clave para a cohesión social e o desenvolvemento sostible.

    05 de xuño de 2025

    O sistema arText, desenvolvido pola UNED, está agora dispoñible en catalán. Trátase dunha ferramenta gratuíta e en liña que facilita a redacción de textos especializados e en linguaxe clara en diversos ámbitos como a saúde ou o xurídico. O proxecto, que combina investigación lingüística e tecnoloxía, busca garantir a presenza do catalán nos recursos dixitais e avanzar cara a unha comunicación administrativa máis accesible.

    05 de xuño de 2025

    O XVI Premio Rosalía de Castro recoñeceu este ano o labor de Xosé Ramón Freixeiro Mato, a asociación Ponte... nas ondas! e os proxectos CeibaRimas e Galego para peques. As iniciativas galardoadas destacan pola súa contribución á promoción do galego na investigación, na cultura e na creación de contidos para a infancia e a mocidade, o que reforza a vitalidade da lingua en espazos emerxentes e na sociedade actual.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder