Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    03 de xuño de 2025

    O goberno flamengo puxo en marcha unha campaña para reforzar a aprendizaxe da lingua nos colexios de primaria. A medida busca mellorar as habilidades lingüísticas do alumnado, especialmente entre os que falan outras linguas na casa, e facilitar así a súa integración escolar.

    Fonte: Belga News Agency

    03 de xuño de 2025

    O goberno do estado brasileiro de Goiás lanzou un libro didáctico adaptado a distintas linguas indíxenas, co obxectivo de garantir o acceso á educación nas linguas maternas dos pobos orixinarios. A iniciativa forma parte dunha política de inclusión e valorización da diversidade lingüística.

    Fonte: Diário de Goiás

    03 de xuño de 2025

    O Goberno de Navarra abriu o prazo para solicitar axudas destinadas a promover o uso e a presenza do éuscaro en entidades sen ánimo de lucro da Comunidade Foral. As subvencións apoiarán a elaboración e a implementación de plans lingüísticos, medidas concretas e investimentos en contidos dixitais en éuscaro.

    03 de xuño de 2025

    O Departamento de Saúde de Cataluña presentou unha guía para que as entidades do sistema sanitario público elaboren plans de xestión lingüística que garantan os dereitos lingüísticos das persoas usuarias. Estes plans deberán asegurar que o persoal poida atender oralmente e por escrito na lingua oficial escollida polas persoas usuarias.

    03 de xuño de 2025

    A USC convoca a terceira edición do concurso de vídeos Vémolo Nós, destinado a promover o uso do galego como lingua de divulgación científica. A iniciativa diríxese á comunidade universitaria e premiará vídeos inéditos, en galego, de ata cinco minutos, en tres categorías temáticas.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    03 de xuño de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na entrega dos VIII Premios de Podcast Xosé Mosquera O vello dos contos, do que resultaron gañadores os escolares dos colexios Mestre Valverde Mayo de Mos, polo traballo Avoa Fita, e Milladoiro de Malpica de Bergantiños, con A nosa herdanza.

    02 de xuño de 2025

    Entrou en vigor a lei do goberno do Quebec que obriga os negocios a priorizar o francés na súa sinalización, mesmo por riba de marcas comerciais estranxeiras. A medida busca protexer a lingua fronte á crecente presenza do inglés no espazo público.

    Fonte: Diari de la Llengua

    02 de xuño de 2025

    Comeza en Lisboa o FESTin, un festival de cinema itinerante centrado na lusofonía, que promove obras en portugués e celebra a diversidade cultural dos países que falan este idioma. O evento combina proxeccións, encontros e actividades culturais.

    Fonte: Observador

    02 de xuño de 2025

    O Concello de Pontevedra investiu case 11 500 euros na compra de literatura en galego, coa adquisición duns 800 volumes en 17 librerías locais. Estes libros distribuiranse en centros educativos e entidades sociais co obxectivo de contribuír á difusión da lingua e á dinamización do sector libreiro.

    02 de xuño de 2025

    O Departamento de Saúde do Goberno vasco solicitoulle formalmente ao Ministerio de Sanidade que o coñecemento acreditado do éuscaro se teña en conta na avaliación das competencias comunicativas nas probas de acceso á formación sanitaria especializada. A proposta pretende reforzar a normalización lingüística no sistema sanitario, garantir unha atención máis próxima e humanizada, e favorecer a integración efectiva de futuros profesionais en Osakidetza.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder