Por primeira vez, estes galardóns incorporaron unha categoría específica para recoñecer o coñecemento da lingua asturiana e do eonaviego. Esta nova categoría, dirixida ao alumnado de Educación Secundaria e Bacharelato, tivo unha acollida moi positiva, o que reflicte o compromiso por valorizar e promover estas linguas no ámbito educativo.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O intento do Goberno español de que o galego, o catalán e o éuscaro sexan recoñecidos como linguas oficiais na Unión Europea provocou respostas diversas entre os países membros. A pesar da disposición de España a asumir os custos, varios estados pediron máis tempo para analizar as implicacións legais e orzamentarias, o que adiou a decisión.
Fonte: Euronews
Nun paso pioneiro para revitalizar e conservar a identidade kurda nas comunidades da diáspora, o xornalista e escritor kurdo-danés Deniz Berxwedan Serinci vén de publicar o primeiro libro de aprendizaxe da lingua kurda en Dinamarca, marcando un fito no fortalecemento cultural e lingüístico da comunidade kurda que vive no estranxeiro.
Fonte: Kurdistan 24
O filólogo José del Olmo recolleu máis de cinco mil acepcións que o fútbol incorporou ao castelán nun dicionario que salienta a influencia deste deporte na lingua. A obra destaca termos e expresións de uso cotián, a súa polisemia e o seu traslado á sociedade, co que evidencia lagoas no rexistro da RAE. O traballo, editado polo CIHEFE, constitúe unha valiosa achega ao estudo do léxico futbolístico e á súa evolución lingüística.
A oferta de materias en catalán nas universidades públicas de Cataluña mantívose no 74 % no curso 2023-2024, por baixo do obxectivo do 80 % fixado para 2025, mentres o uso do castelán aumentou. A consellaría destaca avances na formación do profesorado e na internacionalización, e confía en progresar grazas aos plans de incremento da docencia en catalán e outras medidas de apoio.
O Concello de Ames organiza a VI Festa do Apego, unha xornada festiva dedicada a promover a lingua galega no lecer familiar. O evento ofrece contos, xogos, teatro, obradoiros e espazos creativos para fomentar unha crianza positiva en galego.
Fonte: Concello de Ames
A xornada «Comunicación, cultura e acción exterior» destacou a importancia de integrar o galego e a identidade galega como eixe estratéxico nas empresas. Presentáronse exemplos inspiradores e propostas concretas para fortalecer a lingua no ámbito da intelixencia artificial, nos medios e nas redes culturais no exterior.
Un comité asesor do goberno do Quebec propuxo crear un dereito fundamental para acceder a contidos culturais en francés nas plataformas dixitais, ante a crecente dominancia do inglés en servizos como Spotify ou Netflix. Entre as recomendacións inclúese establecer cotas mínimas de contido en francés e modificar os algoritmos para favorecer resultados nesta lingua.
Fonte: Slator
O Consello de Europa, a través do Centro Europeo de Linguas Modernas (ECML), organizou en Graz un obradoiro centrado en mellorar o acceso á educación para persoas usuarias de linguas de signos, especialmente aquelas en situacións vulnerables como crianzas xordas, persoas migrantes ou refuxiadas. O evento reuniu expertos de 25 países para desenvolver directrices e recursos que promovan unha educación inclusiva e de calidade en linguas de signos.
A Real Academia Galega vén de incorporar ao seu dicionario o termo lubre, que designa un bosque sagrado de culto celta, tras unha proposta impulsada por Bieito Romero, líder do grupo musical Luar na Lubre.
Fonte: Galicia Confidencial
Boletín
Subscríbase ao boletín
