Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    26 de maio de 2025

    A USC convoca a segunda edición do Concurso de edición da Galipedia, co obxectivo de fomentar a creación e mellora de contidos enciclopédicos en galego en distintas áreas do saber. A iniciativa, dirixida á comunidade universitaria, busca reforzar a presenza do idioma na difusión do coñecemento. Concederanse premios ás mellores achegas en cinco ámbitos temáticos.

    26 de maio de 2025

    O Goberno vasco puxo en marcha o proxecto LANERA para promover o uso do éuscaro no ámbito laboral e socioeconómico, un sector clave para a súa normalización. A iniciativa, estruturada en cinco fases ata 2026, comeza cunha recolla de información nos 252 municipios da CAPV para identificar iniciativas en curso e establecer prioridades comúns. O obxectivo é facer do éuscaro unha ferramenta real de traballo que xere novas oportunidades.

    23 de maio de 2025

    Mongolia está a reforzar o ensino do inglés como segunda lingua oficial mediante a creación do Centro de Excelencia en Inglés. Esta iniciativa busca mellorar as competencias lingüísticas de docentes e funcionarios públicos, facilitando a integración do país nun mundo globalizado e promovendo a cooperación internacional.

    Fonte: The Diplomat

    23 de maio de 2025

    O estado de São Paulo abriu un Centro de Documentación de Linguas e Culturas Indíxenas, coordinado polo Museo da Lingua Portuguesa e o Museo de Arqueoloxía e Etnoloxía da Universidade de São Paulo (USP). Este centro busca documentar e difundir as linguas e culturas vernáculas brasileiras, promovendo a participación activa das comunidades indíxenas.

    Fonte: EBC

    23 de maio de 2025

    Mercedes Jaime, profesora da Universidade de Zaragoza, publica un dicionario de terminoloxía veterinaria inglés-español, resultado de trinta anos de traballo e orientado tanto ao ámbito académico como profesional. A obra abrangue todas as especialidades da medicina veterinaria e está deseñada para facilitar a comprensión, redacción e tradución de textos técnicos. Publicado inicialmente en formato impreso, prevese o seu acceso en liña para ampliar o seu uso entre diversos perfís científicos e técnicos.

    23 de maio de 2025

    O xurado recoñece a Asesoría Xurídica da Deputación de Lugo pola súa decidida galeguización da práctica legal que a converte nun modelo para outras entidades. Destaca tamén o labor de Esther Estévez en “Dígocho eu” pola súa capacidade de achegar o galego á mocidade con frescura e orgullo. Finalmente, salienta o compromiso de Miguel Anxo Seixas coa lingua e a memoria histórica a través do seu estudo sobre Castelao.

    23 de maio de 2025

    O informe Oferta e demanda de produtos e servizos culturais en galego para a infancia e mocidade analiza a presenza da lingua galega na oferta cultural destinada a este público e constata que existe demanda de produtos culturais neste idioma, mais a oferta actual resulta insuficiente. A análise, baseada en máis de mil enquisas a entidades culturais, revela que só un 37,74 % da produción en galego se dirixe a estes grupos de idade.

    23 de maio de 2025

    O programa Sinema Cymru, unha colaboración entre S4C, Ffilm Cymru Wales e o Goberno galés, abriu unha segunda rolda de financiamento para apoiar longametraxes independentes en lingua galesa con potencial internacional. O obxectivo é, entre outros, fortalecer e incrementar a presenza do galés no cinema global. 

    Fonte: Busnes Cymru / Business Wales

    23 de maio de 2025

    O Departamento de Relixión e Cultura da Administración Central Tibetana (CTA) anunciou a apertura de solicitudes para a 12ª edición do curso intensivo de seis meses sobre lingua tibetana e filosofía budista, que terá lugar no Mosteiro Gyudmed en Hunsur, India.

    Fonte: Central Tibetan Administration

    22 de maio de 2025

    A Deputación de Pontevedra presenta unha nova edición de «Os nomes da nosa terra», proxecto audiovisual que promove a recuperación e difusión dos topónimos tradicionais da provincia. A través de testemuños da veciñanza, centros educativos e asociacións, visibilízanse nomes ligados á memoria colectiva e ao territorio. A iniciativa contribúe á salvagarda do patrimonio inmaterial e ao fomento do galego desde a raíz local.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder