Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    27 de maio de 2025

    O secretario xeral técnico, Manuel Vila, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, participaron na rolda de prensa de presentación das nove obras finalistas do XXIX Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente, organizado polo Instituto IES Rosalía de Castro de Santiago en colaboración coa Xunta de Galicia. Os representantes das consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e FP e de Cultura, Lingua e Xuventude aplaudiron o labor de todos os implicados no certame e desenvolvemento da elección dos nove finalistas desta edición.

    27 de maio de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no instituto Rafael Dieste da Coruña na presentación da segunda edición do festival musical Aquí tamén se fala, impulsado polo propio centro educativo coa colaboración da Xunta de Galicia, e do que resaltou que “se volve pór de manifesto a importancia dos espazos escolares como motores de dinamización da nosa lingua e a implicación de alumnado e profesorado con este tipo de proxectos a prol do galego”.

    27 de maio de 2025

    A Unión Europea volve adiar a decisión sobre a oficialidade do galego, o catalán e o éuscaro. A falta de acordo unánime entre os 27 Estados membros impide que prospere, por agora, a proposta presentada polo Goberno español no Consello de Asuntos Xerais, polo que as tres linguas deberán continuar á espera da súa oficialidade en Europa.

    Fonte: Praza Pública

    27 de maio de 2025

    O Concello sardo de L'Alguer consolida a certificación oficial do nivel C1 de catalán grazas á colaboración institucional e educativa. Esta iniciativa reforza o ensino da lingua e promove a súa presenza cultural e social na cidade sarda.

    Fonte: Diari de la Llengua

    27 de maio de 2025

    O Departamento de Política Lingüística subvencionou 17 proxectos para incorporar o catalán no ámbito dos videoxogos, cun investimento de máis de 126 000 euros. As propostas abranguen desde videoxogos narrativos e de terror ata xogos educativos e minixogos accesibles en liña. Todos eles pasarán a formar parte de VDJOC, a base de datos que recolle os videoxogos comerciais dispoñibles en catalán.

    27 de maio de 2025

    Oito universidades catalás elaboraron unha guía multilingüe para facilitar a aprendizaxe do catalán a través da interacción con ChatGPT, dirixida especialmente ao alumnado de intercambio. O documento ofrece consellos técnicos e lingüísticos, exemplos de uso e propostas de actividades para practicar a conversa de xeito autónomo e eficaz con intelixencia artificial.

    26 de maio de 2025

    O Goberno de Andorra impuxo dúas sancións e abriu trinta expedientes por incumprimentos da Lei do Catalán desde que rematou a moratoria en xaneiro. A medida busca garantir o uso do catalán na atención ao público, aínda que algúns partidos consideran que a aplicación das sancións é insuficiente.

    Fonte: Diari de la Llengua

    26 de maio de 2025

    Oito estudantes universitarios participaron na selección nacional checa da "Ponte Chinesa", onde demostraron os seus coñecementos de chinés e talentos artísticos. Dúas alumnas foron recoñecidas pola súa destacada actuación.

    Fonte: Xinhua Portugués

    26 de maio de 2025

    A Academia da Lingua Asturiana presenta Noyos, un novo método de alfabetización en asturiano dirixido a persoas adultas, baseado no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas. O proxecto abrangue todos os niveis de competencia e combina un manual impreso cunha plataforma dixital con recursos audiovisuais e exercicios para a autoaprendizaxe.

    26 de maio de 2025

    O Goberno de Navarra e Euskaltzaindia asinaron un acordo bilateral para impulsar o desenvolvemento do éuscaro na Comunidade Foral, que se concreta en accións como a recuperación de gravacións lingüísticas, a elaboración de dicionarios e a creación dunha biblioteca específica. Este convenio, que lle outorga a Navarra plena capacidade de decisión e mellor coordinación, establece a creación de comisións para garantir o seguimento, planificación e avaliación das accións previstas.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder