A Xunta volve colaborar un ano máis coa Vegalsa-Eroski na campaña das Letras Galegas coa que esta distribuidora alimentaria homenaxea as cantareiras e a poesía popular oral. Para iso, durante todo o mes de maio exhibirá nos seus 150 establecementos de toda Galicia carteis conmemorativos e repartirá entre os seus clientes unha edición especial das súas bolsas da compra.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado doutros membros do Goberno galego, presidiu a Sesión Plenaria Extraordinaria e Pública da Real Academia Galega con motivo do Día das Letras Galegas 2025 celebrada no Centro Cívico Cultural de Malpica de Bergantiños.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O certame Enreguéifate celebrou a entrega de premios no Auditorio de Galicia, tras unha edición histórica con récord de participación. O proxecto, promovido por varios concellos, ten como obxectivo impulsar a regueifa e a improvisación oral en galego entre a cidadanía, e sitúase como unha iniciativa de referencia na promoción da lingua e da tradición oral.
As Xuntas Xerais de Araba aprobaron unha moción para ampliar as axudas ás empresas que faciliten prácticas de FP Dual en éuscaro. A proposta busca garantir que o alumnado poida completar a súa formación nesta lingua tamén no ámbito laboral.
Fonte: Radio Llodio
A FESOCA e as entidades afiliadas manifestaron o seu malestar polo feito de que o Goberno catalán non incluíse a lingua de signos catalá no Pacto Nacional pola Lingua. Consideran esta exclusión unha grave falta de compromiso coa diversidade lingüística e reclaman un pacto específico que recoñeza e protexa os dereitos das persoas xordas e xordocegas, así como o valor cultural desta lingua minorizada.
A CRTVG lanza G24Play, un novo servizo informativo en galego adaptado ao consumo móbil, con vídeos breves, subtitulados e en formato vertical. Esta plataforma independente permite informar sen depender dos algoritmos das grandes redes sociais, ao tempo que facilita o acceso á actualidade de Galicia e do mundo dun xeito áxil e compartible.
O Concello de Xirona habilitou a Bústia pel Català, unha ferramenta dixital destinada a garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía e a reforzar a presenza do catalán no ámbito municipal. A iniciativa permite denunciar vulneracións, propoñer melloras e solicitar información, no marco dun plan para paliar o retroceso do uso social da lingua.
A Obra Cultural Balear impulsa a campaña «No excloguis ningú. Comparteix el català» co fin de promover o uso habitual da lingua catalá en contextos cotiáns e combater a tendencia a mudar automaticamente ao castelán. A iniciativa, que decorrerá ata o 15 de xuño, difundirase a través de contidos audiovisuais e redes sociais para sensibilizar sobre os prexuízos lingüísticos e fomentar unha inclusión real a través da continuidade do catalán.
Miles de persoas manifestáronse en Santiago o 17 de maio para reivindicar o uso do galego e denunciar a súa exclusión de múltiples ámbitos sociais. A mobilización, convocada por Queremos Galego, culminou cunha foliada no Obradoiro e a lectura dun manifesto que apelou á dignificación da lingua e á responsabilidade institucional para recuperar falantes.
A Xunta de Galicia acaba de abrir a convocatoria de 10 prazas de lectorados para reforzar o ensino da lingua, literatura e cultura galegas en dúas comunidades autónomas e seis países estranxeiros para o 2025. Así se recolle no Diario Oficial de Galicia que publicou xa a convocatoria das seis prazas para persoal bolseiro e catro para contratado.
Boletín
Subscríbase ao boletín



