Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    15 de maio de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García destacou “a importancia da implicación cidadá e empresarial para o desenvolvemento de iniciativas a prol da lingua como é o Proxecto Nós”. Fíxoo durante un acto celebrado na Cidade da Cultura no que se recoñeceu a campaña levada a cabo pola empresa SD Group entre o seu persoal para facelo partícipe deste proxecto, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Universidade de Santiago e enfocado en potenciar a presenza do galego no eido dixital.

    14 de maio de 2025

    O Parlamento galés (Senedd, en galés) aprobou unha nova lei que busca garantir que todos os nenos e nenas de Gales teñan a oportunidade de falar galés con seguridade, sexa cal for a súa orixe ou a lingua principal do seu centro. A norma crea tres modelos lingüísticos para os colexios e aposta pola inmersión en galés, co obxectivo de chegar ao millón de falantes no ano 2050. Tamén inclúe medidas como formación gratuíta en galés para o profesorado e programas para incrementar o número de docentes falantes de galés.

    14 de maio de 2025

    Cinco concellos da Cataluña Norte, xunto con Òmnium Cultural, presentaron un recurso ante o Consello de Estado francés contra a prohibición de empregar o catalán nos plenos municipais. Argumentan que esta medida vulnera a liberdade de expresión dos representantes electos e contravén o artigo 75 da Constitución francesa, que recoñece as linguas rexionais como parte do patrimonio de Francia. A decisión final podería sentar un precedente importante para o uso das linguas minoritarias nas institucións públicas francesas.

    14 de maio de 2025

    A Xunta de Galicia está a avanzar no procedemento técnico para levar a cabo as probas Celga, que acreditan o dominio do galego, a distancia, coa intención de poder levar a cabo este proxecto piloto para o nivel 4 despois do verán. Así o afirmou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, na Comisión 4ª do Parlamento de Galicia, onde deu conta das liñas de actuación do Goberno autonómico para fomentar o uso social, o coñecemento e o prestixio da lingua.

    14 de maio de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, entregou hoxe ao colexio Celso Emilio Ferreiro de Cerceda, na Coruña, o premio do Concurso do Día das Letras Galegas 2025 da Xunta de Galicia, dedicado ás cantareiras e á poesía popular, na modalidade de Educación Infantil e Primaria, mentres que o galardón na modalidade de Ensinanza Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas Especiais recaeu no instituto Castelao de Vigo, e foille entregado a pasada semana.

    14 de maio de 2025

    Un total de 17 712 persoas inscribíronse nas probas para certificar o seu nivel de éuscaro, o que supón un incremento sostido nos últimos anos. As políticas de gratuidade impulsadas polo Goberno vasco contribuíron a aumentar significativamente as matrículas nos niveis A1 e C1, especialmente entre a mocidade. Estes datos evidencian un interese social crecente pola aprendizaxe e o uso do éuscaro como ferramenta de integración, cultura e oportunidades laborais.

    14 de maio de 2025

    O Goberno catalán e diversas entidades políticas e sociais subscribiron o Pacto Nacional pola Lingua Catalá, un acordo que fixa 2030 como horizonte para traballar a prol do idioma. Establécense nove liñas estratéxicas que abarcan todos os ámbitos da sociedade, desde a educación e o traballo ata a cultura e a administración. Xa se activaron accións inmediatas para 2025, entre elas campañas de acollida, plans formativos e incentivos ao uso do catalán.

    14 de maio de 2025

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, celebrou a “implicación e ilusión” que están a demostrar as xeracións máis novas de Galicia en “facer medrar e prestixiar aínda máis o noso idioma” e que, segundo precisou, “se fai máis evidente e emocionante nas diferentes iniciativas que se celebran estes días ao redor das Letras Galegas”. Así o salientou na entrega dos IV Premios escolares DígochoEu 2025, no que estivo acompañado do secretario xeral da Lingua, Valentín García.

    13 de maio de 2025

    O goberno do Estado español insiste en conseguir que o galego, o catalán e o éuscaro acaden a oficialidade na Unión Europea. A proposta volverá ser tratada no vindeiro Consello de Asuntos Xerais. O goberno comprometerase a asumir os custos derivados, mais o veto dalgúns estados membros continúa a ser o principal obstáculo. 

    Fonte: elDiario.es

    13 de maio de 2025

    Ràdio Arrels, a única emisora íntegra en catalán da Cataluña Norte, no sur de Francia, está ao bordo do peche por falta de financiamento. Tras máis de catro décadas de difusión cultural e lingüística, a emisora reclama axuda ao goberno de Cataluña e á sociedade civil catalá para garantir a súa supervivencia. 

    Fonte: Diari de la Llengua

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder