Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    12 de maio de 2025

    TikTok únese á celebración do Día das Letras Galegas salientando o aumento de contidos en galego no seu espazo dixital, en especial no feed «Para Ti». A plataforma destaca a difusión global do patrimonio cultural galego mediante cancelos como #galego, así como o seu potencial para impulsar o pequeno comercio, pois ofrécelles ás pemes galegas novas vías de conexión co público.

    12 de maio de 2025

    Máis de cen representantes municipais de diversas forzas políticas galegas comprometéronse publicamente coa defensa e a promoción da lingua galega. Nun acto celebrado en Santiago de Compostela, reivindicaron o seu papel na aplicación das leis e plans que amparan os dereitos lingüísticos.

    09 de maio de 2025

    O executivo andorrano iniciou un proceso para contratar unha empresa que organice unha campaña destinada a fomentar o uso do catalán nas redes sociais. Un dos principais obxectivos é a realización dunha xuntanza de creadores de contido que empregan habitualmente o catalán, co propósito de xerar sinerxías e novos proxectos no ámbito dixital. Esta iniciativa enmárcase na Lei da lingua propia, aprobada en setembro de 2023.

    09 de maio de 2025

    Aprender unha nova lingua non só facilita a comunicación, senón que tamén ten efectos positivos no cerebro. Estudos indican que o bilingüismo pode mellorar a memoria, a atención e a capacidade de multitarefa. Ademais, aprender idiomas fortalece as funcións executivas e pode atrasar o deterioro cognitivo relacionado coa idade, contribuíndo así a unha mellor saúde cerebral a longo prazo.

    Fonte: Deutsche Welle

    09 de maio de 2025

    A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo premiou catro estudantes na cuarta edición do certame Xosé Luis Franco, que promove o uso do galego no ámbito legal. Os traballos galardoados abordaron temas actuais e deles o xurado destacou o nivel técnico e lingüístico.

    09 de maio de 2025

    Un grupo de veciños da Franxa puxo en marcha Lo Pregó de la Franja, un medio dixital en catalán que busca dar voz a este territorio historicamente ignorado nos medios e promover o uso da lingua catalá. A iniciativa, nacida o 23 de abril, aposta pola diversidade dialectal e procura visibilizar a realidade local máis alá da cuestión lingüística.

    09 de maio de 2025

    Oito entidades catalás únense para lanzar o #repte21dies, unha campaña que convida a usar exclusivamente o catalán durante 21 días, co obxectivo de consolidar este hábito e frear o costume de mudarse ao castelán. A iniciativa, que decorrerá do 12 de maio ao 1 de xuño, busca fortalecer a autoestima lingüística das persoas falantes desta lingua e promover unha actitude colectiva de afirmación, sen renunciar á cortesía nin á convivencia.

    09 de maio de 2025

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e da directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou o alumnado de primaria dos centros do Bierzo que participan nunha nova edición das estadías organizadas no marco do Programa de promoción do galego desenvolvido polo Goberno de Castela e León e a Xunta de Galicia nos territorios limítrofes coa Comunidade.

    09 de maio de 2025

    Unha empresa de Macau creou o DeeCo-Model, o primeiro modelo de intelixencia artificial do país centrado na lingua portuguesa. Esta innovación busca mellorar a tradución entre o chinés e o portugués, reforzando o papel de Macau como ponte entre China e os países lusófonos.

    Fonte: Macau Business

    09 de maio de 2025

    O proxecto interdisciplinario Prosiect Pūtahitanga, liderado pola Universidade de Cardiff, promove a colaboración entre artistas que empregan linguas minoritarias e indíxenas, como o galés e o te reo maorí. Durante o festival FOCUS Wales 2025 en Wrexham, músicos de Gales e Aotearoa Nova Zelandia compartirán escenarios e participarán en debates sobre a revitalización lingüística mediante a música.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder