Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    07 de maio de 2025

    A Xunta de Galicia porá en marcha un selo de recoñecemento para impulsar o uso da lingua no ámbito socioeconómico. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, no Parlamento de Galicia, onde compareceu a petición propia no Pleno para informar sobre a folla de ruta do seu departamento nos vindeiros meses. Neste senso, explicou que as empresas comprometidas co galego terán vantaxe na concesión de axudas e nos procedementos do Executivo autonómico.

    06 de maio de 2025

    O portugués está a consolidarse como lingua de diálogo cultural no Xapón, onde xa se ensina en 20 universidades e conta con preto de 3.000 estudantes. Durante a Expo 2025 en Osaka, a ministra de Cultura de Portugal, Dalila Rodrigues, salientou a súa relevancia histórica, así como a colaboración entre o Instituto Camões e institucións xaponesas para reforzar os vínculos culturais.

    Fonte: Dnoticias

    06 de maio de 2025

    Con motivo do Día Mundial da Lingua Portuguesa, o Estudo Autónomo da Dirección Xeral de Educación de Portugal publicou tres eBooks didácticos gratuítos para fomentar a aprendizaxe autónoma e lúdica do portugués. Os títulos dispoñibles son: Português num minuto – dúvidas com verbos (Vol. I), Português num minuto – pares duvidosos (Vol. II) e Missão: aprender português.

    06 de maio de 2025

    Hibaika Arraun Elkartea presentou un dicionario bilingüe (éuscaro-castelán) de remo co obxectivo de promover o uso do éuscaro neste ámbito deportivo. A publicación distribuirase en centros educativos e bibliotecas de Errenteria e tamén terá versión dixital. Esta iniciativa procura un impacto positivo na mocidade e aproveitar o papel do deporte como canle de cohesión social e lingüística.

    06 de maio de 2025

    A Xunta de Galicia deu a coñecer os centros educativos gañadores do concurso do Día das Letras Galegas 2025, dedicado ás cantareiras e a poesía popular, que recaeron no colexio Celso Emilio Ferreiro de Cerdeda, na Coruña, e no instituto Castelao, de Vigo.

    05 de maio de 2025

    Ffilm Cymru Wales abriu a segunda convocatoria do fondo Sinema Cymru, destinado a apoiar o desenvolvemento de longametraxes en lingua galesa. O programa busca proxectos con potencial para o gran público e fai parte dos esforzos para revitalizar e promover a cultura e lingua galesas a través do cinema.

    Fonte: South Wales Angus

    05 de maio de 2025

    O 5 de maio de 2025, San Tomé, capital de San Tomé e Príncipe, acolleu a sesión solemne do Día Mundial da Lingua Portuguesa e da Cultura na CPLP. O evento contou con intervencións institucionais, actuacións do músico brasileiro Vinícios Terra, danzas tradicionais a cargo do grupo Legi Tela e un desfile de moda da deseñadora Antonieta Almeida.

    Fonte: Forbes

    05 de maio de 2025

    Un total de vinte membros do Parlamento de Cataluña decidiu mellorar o seu catalán grazas a un novo servizo de asesoramento lingüístico ofrecido pola cámara. A iniciativa permite revisar intervencións parlamentarias e corrixir erros a través dunha atención personalizada. O programa funciona de maneira voluntaria e busca promover un uso máis correcto da lingua catalá nas institucións.

    05 de maio de 2025

    A Unesco alerta do perigo de desaparición que sofre o aragonés, unha lingua que apenas conta con 10 000 persoas falantes habituais e cuxo uso resulta aínda máis residual en variedades coma o belestán. Esta última, falada no val de Bielsa, apenas sobrevive en vinte persoas. Para preservar esta riqueza lingüística, o pastor Ángel Luis Saludas leva case cinco décadas a elaborar a man un dicionario co vocabulario propio do belestán, un traballo que busca impedir que se perda para sempre.

    05 de maio de 2025

    Meaño incorpórase ao proxecto «Palabra e memoria», que investiga o uso do galego nas lápidas. O estudo inicial nas parroquias de Simes e San Xoán revela unha presenza aínda minoritaria desta lingua, con cifras do 1,3 % e do 7,2 % respectivamente. Esta iniciativa, que naceu en Burela e se estendeu por Galicia, mostra unha tímida pero crecente apertura ao galego nos cemiterios.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder