Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    28 de abril de 2025

    O Concello de Amurrio porá en marcha o programa «Oporretan ere Euskaraz» para fomentar o uso oral do éuscaro entre nenas e nenos de 5 a 12 anos durante o mes de xullo, combinando actividades educativas e lúdicas. A iniciativa busca crear espazos de lecer en éuscaro fóra do ámbito escolar.

    28 de abril de 2025

    Makusi, a plataforma dixital en éuscaro para público infantil e xuvenil, celebra o seu primeiro aniversario cunha ampla acollida: máis de 840 000 horas de contido vistas e unha comunidade de 48 000 persoas subscritoras. O éxito reflíctese tamén nas actividades presenciais, que reuniron case 40 000 participantes.

    28 de abril de 2025

    A Facultade de Humanidades do Campus de Lugo organiza un obradoiro de apoderamento lingüístico co obxectivo de capacitar as persoas que traballan na xestión cultural para deseñar accións que activen novos falantes en galego. Esta iniciativa pretende ofrecer respostas eficaces fronte ao descenso no uso da lingua e promover unha participación activa e consciente na súa recuperación desde o ámbito cultural.

    28 de abril de 2025

    A Xunta convocou seis bolsas para formar lectores e lectoras de galego en universidades de España e do estranxeiro, co fin de promover a lingua e cultura galegas no exterior e apoiar profesionais da docencia. O programa, de tres anos de duración, combina docencia, investigación e difusión, ademais de ofrecer opcións de formación complementaria en estudos de posgrao.

    25 de abril de 2025

    Hai agora 50 anos, no ano 1975, a emisora alemá Deutsche Welle (DW) comezou a emitir un programa de radio en portugués dirixido aos cinco países africanos de lingua portuguesa. Xa nos anos 60, a emisora producira programas en portugués destinados a Portugal e ao Brasil.

    Fonte: Deutsche Welle

     

    25 de abril de 2025

    A Universidade da Madeira (UMa) e a Dirección Rexional das Comunidades e Cooperación Externa (DRCCE) de Portugal lanzaron dous cursos en liña de lingua portuguesa destinados a lusodescendenes e migrantes para fortalecer os lazos culturais coa diáspora e apoiar a integración da comunidade estranxeira na Rexión Autónoma de Madeira.

    25 de abril de 2025

    No foro «Un país coa súa lingua» propuxéronse medidas para favorecer a integración lingüística de persoas migrantes, como programas de acollida transcultural, puntos de encontro en galego no rural e contidos dixitais adaptados. Tamén se reclamou visibilizar o galego na sanidade e na ciencia e destacouse a necesidade de promover o idioma en ámbitos clave da vida social. Así mesmo, recoñeceuse a diversidade como unha oportunidade para fortalecer a lingua.

    25 de abril de 2025

    Jordi Bertran e Helena Segú foron recoñecidos cos premios Josep Maria Pujol ás mellores teses de doutoramento en catalán. Estes galardóns procuran dignificar o catalán como lingua científica e fomentar o seu uso na investigación, e valoran a calidade expositiva, a orixinalidade e a relevancia social dos traballos premiados.

    25 de abril de 2025

    As persoas que escollen o éuscaro como lingua preferente ao recibir atención sanitaria en Osakidetza contarán cun símbolo identificativo "e" nas pulseiras hospitalarias, co fin de facilitar a comunicación nesa lingua. Esta medida pretende garantir unha atención máis humana e recoñecer o dereito das persoas a seren atendidas na súa lingua, así como fomentar un ambiente de confianza.

    25 de abril de 2025

    A Xunta de Galicia acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia as datas para a realización dos exames que permiten obter os certificados oficiais que acreditan o coñecemento da lingua galega e que se celebrarán entre o 10 e o 31 de maio en Santiago de Compostela, Ponferrada e, tras máis dunha década, volverán a facerse tamén en Madrid.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder