Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    03 de maio de 2025

    O Public Records Office de Irlanda do Norte acolle por primeira vez unha exposición en lingua irlandesa. Mná na hAthbheochana narra a historia das mulleres que foron clave no renacemento da lingua irlandesa, impulsando a creación da primeira Gaeltacht urbana e da primeira escola en inmersión lingüística nos anos 60 e 70.

    Fonte: BBC

    02 de maio de 2025

    Duolingo duplicou a súa oferta educativa cun total de 148 novos cursos, creados coa axuda de intelixencia artificial xerativa. Os sete idiomas máis populares poderán agora aprenderse nas 28 linguas dispoñibles na plataforma, ampliando así o acceso á aprendizaxe para máis de mil millóns de persoas usuarias potenciais.

    Fonte: Veja

    02 de maio de 2025

    Ribeira presenta o Maio Cultural 2025 cun amplo abano de actividades que buscan promover a lingua e a cultura galegas. O programa, dirixido a toda a veciñanza e con especial atención á infancia, inclúe contacontos, concertos, exposicións e conferencias en diversos espazos do municipio.

    Fonte: Concello de Ribeira

    02 de maio de 2025

    Un grupo de universidades españolas desenvolveu un sistema de tradución automática neuronal centrado nas linguas románicas peninsulares, incluído o asturiano, o aragonés e o aranés. O proxecto TAN-IBE  ten como obxectivo adestrar modelos mediante técnicas innovadoras, a partir de corpus multilingües e acordos institucionais, para crear ferramentas libres que impulsen o uso e a visibilidade destas linguas en contornos dixitais.

    02 de maio de 2025

    O FC Barcelona decidiu substituír a denominación inglesa das súas tendas oficiais pola forma en catalán Barça Botiga, como mostra do seu compromiso coa defensa e promoción da lingua propia. A medida, xa posta en práctica na tenda principal do estadio, aplicarase de forma progresiva en todos os puntos de venda.

    02 de maio de 2025

    A Embaixada de Alemaña en Bucarest anunciou a asignación de 495 000 euros destinados a apoiar o ensino da lingua alemá en Romanía. Con esta iniciativa, preténdese reforzar a educación en alemán no seo da comunidade xermanófona do país.

    Fonte: Romania Insider

    02 de maio de 2025

    O 5 de maio, a Unesco conmemora o quinto aniversario do Día Mundial da Lingua Portuguesa, instaurado no ano 2019. A efeméride será celebrada con múltiples actividades culturais e educativas en diversos países, poñendo en valor o papel do portugués como ferramenta de cohesión, diálogo intercultural e expresión da diversidade global.

    30 de abril de 2025

    O Concello de Tafalla celebrará en maio o Día do Éuscaro cun amplo programa de actividades que se desenvolverán ao longo de todo o mes baixo o lema “Euskararen Udaberria” e que inclúen obradoiros culturais, literarios etc.

    Fonte: Tafallako Udala

    30 de abril de 2025

    O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña avalou o uso do catalán como lingua propia no Concello do Masnou, ao desestimar o recurso de dúas veciñas contra o seu regulamento. A sentenza recoñece que a administración pode actuar nun só idioma oficial, sempre que respecte o dereito da cidadanía a elixir a súa lingua de relación.

    30 de abril de 2025

    A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Mesa pola Normalización Lingüística presentaron na sede de Nacións Unidas un informe sobre dereitos lingüísticos en Galicia que conta co apoio de 26 personalidades do ámbito cultural da lusofonía.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder