Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    25 de abril de 2025

    O Río de Xaneiro converteuse na Capital Mundial do Libro durante un ano, nunha cerimonia que se celebrou no Teatro Carlos Gomes. A UNESCO fixo pública a designación en 2023, polo que a cidade carioca pasa a ser a primeira de lingua portuguesa en recibir tal distinción.

    Fonte: Vermelho

    25 de abril de 2025

    Unha nova plataforma chamada DarllenCo ofrécelle á cativada unha ferramenta para aprender a ler en galés e a pronunciar axeitadamente as palabras, mesmo cando as súas familias non dominan o idioma. Reúne xa máis de 52 000 persoas usuarias en Gales e no resto do mundo e conta co apoio dun fondo do Goberno galés para o desenvolvemento de tecnoloxías na lingua do país.

    Fonte: Llywodraeth Cymru / Welsh Governement

    24 de abril de 2025

    O Concello de Pamplona, xunto coa asociación Karrikiri, organiza catro encontros literarios en éuscaro, con presentacións de obras narrativas e poéticas, para promover a lectura e a creatividade das novas xeracións.

    Fonte: Iruñeko Udala

    24 de abril de 2025

    Co gallo do Día de Sant Jordi, centos de persoas percorreron as rúas de Barcelona convocados polo colectivo Sant Jordi per la Llengua, que agrupa máis de 240 entidades, baixo o lema «Por un futuro en catalán, recuperemos a Barcelona popular».

    Fonte: El Diario

    24 de abril de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, acompañou a Antonino Nieto na presentación do poemario A lingua do anxo ou carrusel de poemas con viño. Participaron canda eles, Alfredo Conde, Xosé Perozo e Claudio Rodríguez Fer, nun acto que acolleu a Sala de Ámbito Cultural de El Corte Inglés de Santiago de Compostela.

    24 de abril de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación das iniciativas que impulsa a Asociación Cultural Casino de Santiago co gallo do Día do Libro. Acompañárono o presidente e secretaria da entidade, Ubaldo Rueda e Maribel Martín, respectivamente.

    23 de abril de 2025

    O Ministerio de Ensino Superior de Alxeria decretou que, a partir do curso 2025‑26, as carreiras científicas e médicas se impartan integramente en inglés, primeiro paso para converter este idioma na lingua vehicular de toda a universidade. A iniciativa rompe co predominio histórico do francés e busca impulsar a proxección internacional do sistema educativo.

    Fonte: University World News

    23 de abril de 2025

    A Universidade de Stanford presentou un programa multidisciplinar que apoiará comunidades de falantes minoritarios na dixitalización, creación de contidos e desenvolvemento de ferramentas de IA nos seus idiomas. O proxecto prevé elaborar corpus textuais, recursos educativos abertos e modelos de tradución automática, abrindo así novas posibilidades de presenza en liña para linguas con escasa pegada dixital.

    Fonte: Standford University

    23 de abril de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou hoxe na Casa de Galicia de Nova York a programación do Ano Castelao a nivel internacional. Trátase dunha proposta que abrangue actividades nos Centros de Estudos Galegos e nas Casas de Galicia de distintos puntos do mundo co obxectivo “de proxectar no exterior a figura dun dos persoeiros máis destacados da cultura galega e pensando en achegar o seu coñecemento ás novas xeracións”.

    23 de abril de 2025

    A Xunta de Galicia pon en marcha por primeira vez cursos de galego en Nova York a través do Instituto Cervantes. Así o anunciou hoxe o secretario xeral da Lingua, Valentín García, nunha visita á sede da entidade no comezo destas clases “coas que non só expandimos e ampliamos o coñecemento do noso idioma máis alá da nosa terra”, apuntando que “tamén é unha maneira de darlle prestixio a través dunha institución de renome e, ademais, tendo en conta que Nova York é un punto estratéxico”.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder