Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    28 de xullo de 2025

    Máis de 200 persoas, entre elas 150 representantes municipais, concentráronse en Bilbao convocadas por Euskalgintzaren Kontseilua para denunciar sentenzas xudiciais que consideran contrarias ao éuscaro e ao autogoberno vasco. Alertan dunha “emerxencia lingüística” e reclaman medidas unitarias para garantir os dereitos lingüísticos e revitalizar a lingua vasca.

    28 de xullo de 2025

    Un 80,52 % das familias das illas Baleares que matriculan os seus fillos e fillas en 4º de Educación Infantil escolleu o catalán como lingua inicial de ensino, fronte ao 19,48 % que optou polo castelán. Menorca destaca cun 91,65 % de elección a prol do catalán, seguida de Mallorca e, en menor medida, Eivisa e Formentera.

    28 de xullo de 2025

    Common Voice incorpora unha ferramenta que permite recoller fala espontánea en galego, co obxectivo de representar a diversidade dialectal e oral da lingua no ámbito dixital. O ILG, mediante o Proxecto Nós, colaborou na elaboración das primeiras preguntas, aínda que calquera persoa pode contribuír. Esta innovación facilita datos abertos para impulsar tecnoloxías inclusivas e investigacións baseadas na realidade lingüística galega.

    28 de xullo de 2025

    A 35ª edición dos Cursos 'Galego sen fronteiras' reuniu en Santiago a sesenta persoas de vinte países para aprenderen lingua e cultura galegas ao longo do mes de xullo. Organizados polo ILG e a RAG, esta iniciativa internacional contribúe á proxección global do galego e á súa revitalización.

    25 de xullo de 2025

    Un informe revela que nas escolas públicas menos favorecidas de Inglaterra só o 47 % do alumnado estuda linguas estranxeiras para os exames GCSE, fronte ao 69 % nas máis acomodadas. Esta diferenza está a agravar a desigualdade no acceso ao ensino de idiomas e ameaza a promoción da diversidade lingüística do país.

    Fonte: The Guardian

    25 de xullo de 2025

    Ao redor do 40 % das linguas do mundo están en perigo de desaparecer. Un novo proxecto de investigación da Unión Europea, chamado FOSTERLANG e financiado con tres millóns de euros no marco do programa Horizon Europe, busca revitalizar linguas minoritarias e de migrantes en Europa.

    23 de xullo de 2025

    O viceministro de Educación de Lituania, Jonas Petkevičius, propuxo finalizar de forma gradual a docencia en ruso como lingua estranxeira e reducir tamén o ensino en centros de lingua rusa, seguindo o exemplo dos países veciños Letonia e Estonia.

    Fonte: LRT

    23 de xullo de 2025

    O Departamento de Política Lingüística abriu unha nova liña de bolsas para o curso 2025-2026, co obxectivo de captar novo talento e aumentar o número de profesionais titulados en filoloxía catalá e en estudos occitans.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    23 de xullo de 2025

    O pleno do Concello de Valencia acordou a nova denominación da cidade, que pasará a ter un nome bilingüe "Valencia/València". Esta medida está a xerar controversia, xa que a nova denominación se afasta da forma normativa en valenciano.

    Fonte: Diari de la Llengua

    23 de xullo de 2025

    O colectivo Plataforma pola Lingua mobilízase para denunciar a prohibición imposta polo actual goberno municipal de extrema dereita de Perpiñán de celebrar casamentos civís en catalán, defendendo o dereito ao uso da lingua propia en actos oficiais na Cataluña Norte.

    Fonte: Diari de la Llengua

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder