Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    14 de abril de 2025

    A Universidade de Barcelona celebrará por cuarto ano consecutivo o ciclo Maig Aranès, un programa de actividades e conferencias orientado a dar a coñecer a lingua e a cultura do Val de Arán. O ciclo, dirixido ao alumnado e ao público en xeral, inclúe concertos, conferencias e unha clase aberta de aranés, e enmárcase nas accións de promoción desta lingua no ámbito universitario, co apoio da Generalitat de Cataluña.

    14 de abril de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Bértolo, participaron na primeira reunión de traballo do Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade, que quedou constituído no pasado mes de outubro co obxectivo de impulsar as relacións sociais, culturais e económicas cos países lusófonos aproveitando a proximidade dos dous idiomas.

    11 de abril de 2025

    A Comisaria da Lingua Galesa, Efa Gruffudd Jones, presentou un novo plan de cinco anos para contribuír ao obxectivo de acadar un millón de falantes de galés para o ano 2050. Segundo declarou á BBC, centrará o seu traballo no uso do galés no lugar de traballo, na sanidade, nos servizos sociais e entre a infancia e a mocidade. O plan busca que tanto organizacións públicas como privadas sitúen a lingua galesa no centro das súas actividades.

    Fonte: BBC

    11 de abril de 2025

    O Consello Superior das Escolas Europeas aprobou a inclusión do catalán como materia nos seus centros educativos repartidos pola Unión Europea. Esta decisión, celebrada polo Goberno español, busca promover o uso e recoñecemento das linguas cooficiais españolas. As clases de catalán estarán dispoñibles para os alumnos que o desexen, e os gastos desta medida serán cubertos polo goberno de España.

    Fonte: Diari de la Llengua

    11 de abril de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na inauguración da exposición «Cantareiras. Oralidade – Creación – Transmisión», na mostra impulsada polo Museo do Pobo Galego, no marco das homenaxes das Letras Galegas 2025.

    11 de abril de 2025

    Un novo estudo, coordinado por docentes das universidades do País Vasco e de Navarra, analiza vinte linguas illadas de todo o mundo, entre elas o éuscaro, co obxectivo de estudar os seus trazos comúns e a súa evolución histórica. A obra desmonta mitos sobre estas linguas, demostrando que non son máis antigas nin máis complexas ca outras e que, malia careceren de parentesco coñecido, funcionan de xeito semellante ao resto dos idiomas.

    11 de abril de 2025

    A Xunta de Galicia publicou no DOG a convocatoria de axudas para a edición en galego de recursos didácticos curriculares en soporte impreso ou dixital para niveis educativos non universitarios.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    11 de abril de 2025

    O Departamento de Política Lingüística de Cataluña convoca por segundo ano bolsas destinadas a apoiar persoas creadoras de contido audiovisual en catalán ou en occitano. As axudas buscan aumentar a presenza destas linguas nas redes sociais e favorecer a profesionalización do sector. Cada persoa beneficiaria deberá crear unha serie de dez vídeos, de cinco minutos como mínimo, que se difundirán en plataformas dixitais.

    11 de abril de 2025

    A TVG impulsa o proxecto «Bótalle azucre», protagonizado pola influencer Anita Mateu, que asumiu o reto de aprender galego en 100 días co obxectivo de manter unha conversa fluída. A iniciativa, dirixida ás persoas neofalantes, combina contidos audiovisuais en YouTube, Instagram e TikTok, cunha grande implicación do público, que colabora nas aprendizaxes de Anita. O proxecto pretende visibilizar e apoiar os novos galegos e galegas que queren incorporarse ao uso da lingua.

    11 de abril de 2025

    O ministro de Educación de Xibraltar presentou nas escolas o libro Gibraltarians and their language: 22 linguistic biographies, con 22 biografías lingüísticas de cidadáns locais. A obra, publicada pola Universidade de Vigo, destaca a riqueza multilingüe de Xibraltar e busca pór en valor o llanito, promovendo a educación multilingüe entre o alumnado.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder