Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    09 de abril de 2025

    O Validatón 2025, promovido polo ILG e o Proxecto Nós, propón un novo maratón de validación de voz en galego na plataforma Common Voice, no que se combina unha fase en liña ata o 10 de abril e unha presencial ese mesmo día. O evento, que busca mellorar os datos da edición anterior, fomenta a creación dun corpus aberto para o recoñecemento da fala en galego, ao tempo que ofrece premios e recoñecemento académico ao estudantado participante.

    08 de abril de 2025

    A deputada Anna Gelderd presentou no Parlamento británico un proxecto de lei que recoñeza e promova o uso da lingua córnica en contextos educativos e institucionais. A iniciativa pretende preservar a identidade cultural de Cornualles e darlle máis visibilidade ao idioma.

    Fonte: The Holsworthy Post

    08 de abril de 2025

    O goberno flamengo esixirá agora un nivel máis alto de neerlandés oral (B1) para superar o seu programa de integración social. A medida pretende facilitar o acceso ao emprego e á vida social, e virá acompañada de máis formación lingüística para as persoas migrantes.

    Fonte: Belga News Agency

    08 de abril de 2025

    A Consellería de Educación iniciou unha nova campaña para fomentar a matriculación en asturiano e eonaviego en centros públicos para o próximo curso. A campaña, que se desenvolverá en tres fases, busca destacar os beneficios destas linguas nas distintas etapas educativas e a súa relación coa identidade cultural de Asturias. A promoción difundirase a través de medios impresos, dixitais e redes sociais e complementarase coa repartición de materiais informativos nos centros educativos.

    08 de abril de 2025

    A Deputación de Valencia e a Academia Valenciana da Lingua (AVL) están explorando novas vías de colaboración para impulsar o uso do valenciano. Ambas as entidades coincidiron na importancia de protexelo como elemento de cohesión social e non de separación.

    Fonte: El Periòdic

    08 de abril de 2025

    A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía convoca o XI Concurso literario Mazarelos, dirixido ao alumnado e ao persoal investigador da Universidade de Santiago. O certame, que admite obras de calquera xénero e tema, busca fomentar a creatividade e a expresión en galego. Os traballos deberán ser orixinais e inéditos, e os premios son de 600, 500 e 400 euros para os tres primeiros postos.

    08 de abril de 2025

    O pleno da Real Academia Galega aprobou a candidatura de Henrique Monteagudo á presidencia da institución. Monteagudo, catedrático de Filoloxía Galega da USC, estará acompañado na comisión executiva por Ana Boullón, María López-Sández, María Dolores Sánchez e Lourenzo Fernández. A súa xestión buscará reforzar a colaboración coa sociedade civil e outras entidades, mellorar a presenza feminina na RAG e continuar a promoción do galego.

    07 de abril de 2025

    O Goberno vasco asinou un convenio coa Oficina Pública do Éuscaro para impulsar o seu uso en Iparralde. O acordo busca reforzar a cooperación institucional e promover a presenza da lingua na educación, cultura e medios de comunicación da zona.

    Fonte: Euskadi.eus

    07 de abril de 2025

    O arquipélago de Madeira participará por primeira vez na final nacional das Olimpíadas da Lingua Portuguesa, grazas á clasificación de dous estudantes que se clasificaron para a terceira e última fase do certame. Esta iniciativa ten como obxectivo fomentar o uso correcto e consciente do portugués entre o alumnado do 3.º ciclo do ensino básico e do ensino secundario.

    Fonte: Dnotícias

    07 de abril de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na descuberta dunha placa conmemorativa dedicada a VIctorino Gutiérrez Aller nunha homenaxe que o Concello de Lalín lle rende así ao notario cofundador da Irmandade Xurídica Galega.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder