Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    04 de xullo de 2025

    A multinacional estadounidense da comunicación Meta confirmou que de momento non ten pensado ofrecer a ferramenta de intelixencia artificial do WhatsApp en lingua catalá. Nestes intres, só ofrece este servizo noutros 13 idiomas.

    Fonte: Diari de la Llengua  

    04 de xullo de 2025

    A Delegación Xeral para a Lingua Francesa e as Linguas de Francia publicou unha guía que recolle as axudas do Ministerio de Cultura ás linguas rexionais. A publicación recoñece a riqueza lingüística do Estado e o deber de protexer estas linguas, algo que contrasta coas restricións reais que sofren, como a limitación do seu uso institucional e a falta de financiamento para o seu ensino.

    04 de xullo de 2025

    O seke, unha lingua en perigo de desaparición orixinaria do norte do Nepal, atopou un inesperado refuxio nos edificios comunitarios de Brooklyn, onde parte da súa comunidade emigrada procura mantela viva. Nova York, cidade cunha diversidade lingüística sen precedentes, serve como último bastión para moitas linguas ameazadas, mais tamén se enfronta a riscos crecentes que poderían acelerar a súa extinción.

    04 de xullo de 2025

    A Deputación da Coruña lanza a campaña #NaLinguaConOrgullo para combater prexuízos que dificultan o uso do galego na vida cotiá e promover unha actitude orgullosa e activa cara á lingua. A iniciativa inclúe materiais didácticos arredor do libro Galaicofobia e busca fomentar a reflexión crítica no ámbito educativo e social sobre os estigmas históricos que afastaron o galego da súa comunidade.

    04 de xullo de 2025

    Antía Fernández Paulos, alumna do IES Castro Alobre, gañou a XIII edición do concurso Explícoche Matemáticas 2.0 co vídeo «Xogando a aproximar Pi», titorizado por Beatriz Alfonsín. Ao certame, que promove o uso do galego na divulgación matemática mediante medios audiovisuais, presentáronse 18 traballos.

    04 de xullo de 2025

    O Concello, en colaboración coa UEMA, impulsou a campaña “Bertatik Bertara” para fomentar o uso do éuscaro no comercio e na hostalaría, tanto entre profesionais como entre visitantes. A iniciativa distribúe material divulgativo con léxico básico en varias linguas e ofrece recursos dixitais e físicos para achegar o idioma ao turismo, promovendo así a súa presenza nos espazos públicos e comerciais.

    04 de xullo de 2025

    O servizo de interpretación telefónica en tempo real ofrecerá atención en 19 idiomas (entre eles, árabe marroquí, árabe clásico, ucraíno, inglés, francés, ruso, polaco, búlgaro, persa, urdu, wolof, sirio, chinés mandarín...) para garantir que toda a cidadanía poida acceder aos servizos sociais, independentemente da súa lingua. O novo contrato, motivado polo aumento da demanda, busca asegurar unha atención equitativa, especialmente para persoas migrantes.

    03 de xullo de 2025

    Motorola e a Fundación Lenovo impulsan a inclusión do zapoteco nos dispositivos Android a través dun teclado desenvolvido en colaboración con comunidades de Oaxaca. Esta iniciativa tecnolóxica busca preservar a diversidade lingüística e serve de exemplo global sobre o papel da innovación no recoñecemento cultural. A dixitalización de cinco variantes do zapoteco confirma que a tecnoloxía pode contribuír á supervivencia das linguas ameazadas e fortalecer o seu uso entre as novas xeracións.

    03 de xullo de 2025

    A Cámara de Senadores declarou a emerxencia cultural e lingüística das linguas chaná e charrúa, co fin de protexer e revitalizar estas expresións orixinarias. A lei recolle accións concretas como a difusión nos medios públicos, a edición de materiais didácticos e o recoñecemento formativo ao profesorado que promova estas linguas. A existencia dun falante vivo da lingua chaná, considerada extinta hai dous séculos, reforza a importancia desta medida.

    03 de xullo de 2025

    A Generalitat de Cataluña vén de abrir unha convocatoria de axudas dirixida ao tecido empresarial co fin de fomentar o uso efectivo do catalán. As subvencións destínanse á elaboración ou execución de plans lingüísticos que impulsen a visibilidade e presenza da lingua tanto no funcionamento interno como na relación coa clientela.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder