Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    02 de xullo de 2025

    Unhas sesenta entidades galegas puxeron en marcha o proceso social Lingua Vital, co obxectivo de impulsar a normalización plena do galego. No último trimestre de 2025, constituirán grupos de traballo para avaliar o Plan xeral de normalización e definir medidas concretas, tanto normativas como executivas, que permitan reforzar o uso do idioma en todos os ámbitos.

    02 de xullo de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no acto «Como dicía Castelao. Lectura pública da súa obra», celebrado no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres no marco da XIII edición do Festival Atlántica de Narración Oral e da celebración do Ano Castelao.

    01 de xullo de 2025

    A edición 2025 dos Premios CaSa foi presentada en Oaxaca como mostra do compromiso coa diversidade lingüística ao recoñeceren creacións literarias en oito linguas indíxenas. A iniciativa, impulsada polo artista Francisco Toledo, suma xa quince anos de traxectoria e consolidouse como referente nacional na promoción das linguas orixinarias.

    01 de xullo de 2025

    O ensino da lingua portuguesa xunta na Guinea-Bissau ao longo de tres días persoas expertas de varios países lusófonos co obxectivo de fortalecer a cooperación científica e contribuír á mellora do sistema educativo guineano.

    Fonte: Observatório da Língua Portuguesa

    01 de xullo de 2025

    RTVE confirmou que converterá La 2 nunha canle con programación en catalán, co propósito de ofrecer contidos propios e adaptados á realidade lingüística e social de Cataluña. A grella en catalán comezará a ampliarse a partir do 11 de setembro e prevese que a metade da emisión sexa nesta lingua antes de finalizar o ano, cun obxectivo do 60 % en xuño de 2026.

    01 de xullo de 2025

    O InformeCAT revela que a gran maioría da poboación catalá considera esencial aprender catalán para integrarse social e profesionalmente e acceder á cultura. Porén, o uso habitual da lingua segue a ser minoritario entre persoas migrantes e só unha pequena parte das denuncias por vulneracións de dereitos lingüísticos derivan en sancións.

    01 de xullo de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e a directora do complexo industrial de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, anunciaron a nova convocatoria do XIX Premio Narrativa Breve, que a Xunta de Galicia promove xunto con esta entidade desde hai case vinte anos para impulsar a creación literaria en galego.

    01 de xullo de 2025

    O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, acompañado pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, deulles a benvida ás persoas participantes na V Residencia literaria da Cidade da Cultura. Ata o 12 de xullo, un total de dez escritoras e escritores emerxentes en lingua galega compartirán un espazo de traballo no Gaiás no que poñer en común inquedanzas e coñecementos para mellorar os seus proxectos inéditos de poesía, teatro, novela e contos.

    30 de xuño de 2025

    O Concello da Coruña ultima a creación do Consello Local da Lingua Galega, un órgano consultivo de participación cidadá que permitirá propoñer liñas prioritarias para a normalización lingüística. Este espazo reunirá representantes institucionais, entidades sociais e persoas expertas, co obxectivo de reforzar o galego como eixe vertebrador das políticas municipais e fomentar o compromiso colectivo coa lingua.

    30 de xuño de 2025

    As Xornadas de Podcasting 2025 celebraranse en Terrassa do 24 ao 26 de outubro cunha edición pioneira que incorporará podcasts en todas as linguas cooficiais do Estado. O encontro aposta pola pluralidade lingüística e reunirá profesionais, plataformas e público arredor da creación sonora, combinando formación, debate, gravacións en vivo e a entrega dos Premios da Asociación Podcast.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder