Máis de 170 empresas e entidades empresariais adheríronse ao Manifesto polo catalán na empresa, promovido pola Fundación Vincle, que apela á responsabilidade social co idioma propio e destaca o seu valor como ferramenta de cohesión e vantaxe competitiva. O texto propón reforzar o uso da lingua nas comunicacións, publicidade e atención ao público, e reclama maior implicación por parte das administracións.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A nova edición dos cursos «Galego sen fronteiras», organizados pola RAG e o ILG, reunirá en Santiago este mes de xullo sesenta persoas procedentes de máis de vinte países para formárense na lingua e cultura galegas. Durante tres semanas, o alumnado combinará as clases coas conferencias e actividades culturais.
O Concello de Vilnius decidiu que, a partir do próximo curso, as escolas primarias de minorías nacionais terán polo menos seis horas semanais de lingua e literatura lituana, co obxectivo de mellorar o dominio do idioma vernáculo e os resultados académicos.
Fonte: LRT
Máis dun século despois da colonización, a lingua ainu estivo a piques de desaparecer. Hoxe, grazas a vellas gravacións, a intelixencia artificial podería axudar a salvar este idioma do norte do Xapón da extinción.
Fonte: BBC
O Goberno galés anuncia un plan para frear o declive do idioma nas áreas onde tradicionalmente ten maior presenza, como Anglesey, Gwynedd, Carmarthenshire e Ceredigion. As medidas inclúen mellorar o acceso á educación en galés e ofrecer máis orientación no uso da lingua en ámbitos como a vivenda, a economía e o desenvolvemento comunitario.
Fonte: BBC
O Programa de Posgrao en Letras da Universidade Federal do Rio Grande (FURG) presentou un dicionario electrónico que recolle información sobre autores, xornais e publicacións literarias de diferentes países lusófonos. O recurso pretende facilitar o acceso e estudo da tradición xornalística literaria en lingua portuguesa.
Fonte: FURG
Segundo o ministro de Educación de Guinea-Bissau, menos do 5 % da poboación emprega o portugués no seu día a día. A maioría comunícase en crioulo, o que evidencia a escasa presenza social do portugués fóra do ensino. O Goberno traballa en iniciativas para aumentar o uso da lingua oficial no país.
Fonte: Forbes África Lusófona
Manresa vén de constituír a Mesa para o Fomento do Uso Social do Catalán, un órgano que reúne sesenta axentes sociais co propósito de reverter a perda de presenza do idioma nos espazos comunitarios. Esta iniciativa, apoiada amplamente polo pleno municipal, pretende coordinar esforzos desde unha perspectiva transversal para reforzar o prestixio e a transmisión do catalán como lingua de cohesión social.
O Instituto Catalán das Empresas Culturais abriu o prazo para solicitar axudas destinadas a promover libros en catalán ou occitano durante o ano 2025. As subvencións cobren accións publicitarias e de visibilidade, e deben solicitarse antes do 1 de xullo cun único proxecto por iniciativa.
Os cursos de linguaxe administrativa galega en liña (dos niveis medio e superior) están dirixidos ao persoal das administracións autonómica e local e ao da Administración periférica do Estado en Galicia. Aos cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega dos niveis Celga 2, 3 e 4 poderán asistir todas as persoas maiores de dezaseis anos interesadas.
Boletín
Subscríbase ao boletín



