Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    25 de xuño de 2025

    O DOG do 19 de xuño de 2025 inclúe a listaxe de centros públicos beneficiarios das axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos niveis educativos non universitarios.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    24 de xuño de 2025

    Co obxectivo de contrarrestar a desinformación crecente nos medios de comunicación, a BBC acaba de crear un novo servizo de noticias en lingua polaca.

    Fonte: BBC

    24 de xuño de 2025

    Segundo un borrador do Ministerio de Educación, o goberno ruso planea suprimir as ensinanzas de lingua e literatura ucraína no currículo escolar nacional, incluído nos territorios ocupados de Zaporizhia e Xersón. Destacan que até agora eran obrigatorias para os nenos ucraínos nestas rexións, mentres que noutras zonas eran opcionais. 

    Fonte: The Moscow Times

    24 de xuño de 2025

    A primeira edición dos premios CRIT á creación de contido en catalán tivo lugar no Teatro Nacional de Cataluña, cunha gala que premiou 16 propostas. Os grandes gañadores foron Fran Tudela, como Mellor Creador de Contido do Ano, e o podcast La Turra, como Mellor Proxecto do Ano.

    Fonte: Diari de la Llengua

    24 de xuño de 2025

    El 12 de xullo terá lugar a primeira edición do Festival Riu de Veus no Castell de Miravet, un evento musical que celebra a diversidade lingüística do catalán. A primeira edición contará coa participación de Roger Mas, Sanjosex e Lia Sampai, que actuarán acompañados dunha formación musical composta por músicos locais.

    24 de xuño de 2025

    O artigo «Surname Distribution in Galicia: Population Structure, Dialects, and History» analizou a frecuencia e a distribución de 6150 apelidos en Galicia que revelou unha gran homoxeneidade na súa distribución. Este fenómeno, vinculado á escasa inmigración e á tradición rural, demostra a estabilidade demográfica do territorio. A investigación identificou cinco rexións onomásticas que coinciden coa organización territorial histórica, como as dioceses católicas.

    23 de xuño de 2025

    A Universidade de Lisboa presentou Evaristo.ai, o primeiro chatbot multilinguaxe, multimodal e multiheterónimo en portugués, baseado en IA aberta. Permite escoller o modelo e a personalidade. Ademais, garante a privacidade dos usuarios e non comercializa os seus datos.

    Fonte: Business.it

    23 de xuño de 2025

    O Parlamento de Escocia aprobou por unanimidade unha lei que fai oficiais o gaélico e a lingua esocesa ou scots, permitindo que as familias soliciten a escolarización nestas linguas. A norma busca frear o estado crítico do gaélico e prevé crear áreas de significación lingüística para protexer e expandir o seu uso.

    Fonte: Diari de la Llengua

     

    23 de xuño de 2025

    Un 73 % dos videoxogos desenvolvidos en Cataluña son en catalán, segundo datos do novo Llibre Blanc de la Indústria Catalana del Videojoc. A cifra representa un aumento respecto ao 64 % do ano pasado, o que reflicte a mellora na presenza desta lingua no sector.

    23 de xuño de 2025

    O Goberno vasco aprobou unha partida de 2 975 500 euros para subvencionar o proceso de aprendizaxe do éuscaro nos euskaltegis da Comunidade Autónoma Vasca. As axudas estarán dirixidas ao alumnado que obteña ou acredite o nivel de competencia comunicativa en calquera dos niveis establecidos (A1, A2, B1, B2, C1, C2).

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder