Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    27 de xuño de 2025

    O IES Castro Alobre presentou unha nova edición da campaña «Magnetízate co galego», na que o alumnado deseñou imáns inspirados en Vilagarcía para promover o uso da lingua. Os seis deseños gañadores, reproducidos en mil exemplares cada un, repartíronse por cincuenta comercios da vila co apoio do Concello. A actividade forma parte do programa «Implicados co galego», que busca integrar este idioma na vida diaria de maneira creativa e próxima.

    26 de xuño de 2025

    Na última sesión do foro «Un país coa súa lingua», promovido polo Consello da Cultura Galega, representantes de diversos sectores reclamaron medidas que faciliten o uso do galego en servizos auxiliares como notarias e asesorías, sen obstáculos nin custos engadidos. Así mesmo, puxéronse en valor proxectos que incorporan a lingua propia en contextos profesionais e reivindicáronse políticas que garantan a súa presenza plena en todos os ámbitos sociais.

    26 de xuño de 2025

    O Concello de Portugalete destina 10 000 euros a subvencionar actividades en éuscaro promovidas por asociacións locais, cunha achega máxima do 80 % do orzamento e ata 3000 euros por proxecto. Priorizaranse as propostas dirixidas a persoas adultas e valorarase a súa calidade, innovación e coherencia co plan de éuscaro municipal.

    26 de xuño de 2025

    O Goberno do Principado e a Academia da Lingua Asturiana acordaron reforzar a política lingüística nos próximos anos mediante un plan de acción para normalizar o uso do asturiano e do eonaviego. Entre outras propostas, abordaron a presenza nos medios públicos, o desenvolvemento normativo da lei de 1998, a inclusión da lingua nos proxectos de intelixencia artificial e a mellora da súa presenza no sistema educativo. O Executivo comprometeuse a manter o diálogo e avanzar conxuntamente nestas medidas.

    25 de xuño de 2025

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, asinou un protocolo de colaboración para impulsar o uso do galego co Colexio Notarial de Galicia e a Irmandade Xurídica, aproveitando a xuntanza anual desta última entidade que este ano dedicou a este ámbito.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    25 de xuño de 2025

    O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a concesión das axudas da Xunta para accións de promoción do galego destinadas ás entidades locais con achegas repartidas en 87 concellos, agrupamentos e mancomunidades, unha convocatoria na que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude investiu en total 350.000 €.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    25 de xuño de 2025

    As editoras Fitzcarraldo Editions, Giramondo Publishing e New Directions lanzan un premio para recoñecer a mellor colección de poesía traducida ao inglés. O galardón busca dar visibilidade a voces poéticas innovadoras de todo o mundo e ampliar a diversidade na poesía en inglés.

    Fonte: The Guardian

    25 de xuño de 2025

    O Goberno de Andorra propón flexibilizar os requisitos de catalán para persoal sanitario e permitirá autorizacións provisionais de até dous anos a quen estudase no país, aínda sen ter o certificado oficial.

    Fonte: Diari de la Llengua

    25 de xuño de 2025

    O Goberno de Navarra reforzou a presenza do éuscaro na súa Administración ao establecer 769 prazas con esixencia lingüística e valorar o idioma noutras 8078, para adaptar os servizos públicos á realidade bilingüe da cidadanía. Tamén promoveu dous proxectos europeos para achegar o éuscaro á mocidade e modernizar os medios que o empregan.

    25 de xuño de 2025

    O Ministerio de Sanidade está a analizar a proposta do Goberno vasco para recoñecer o coñecemento do éuscaro como mérito nas probas de acceso á formación sanitaria especializada, mais sen que afecte ao sistema obxectivo de puntuación nin implique un requisito previo. A ministra Mónica García subliñou a importancia de garantir a atención na lingua propia da cidadanía, mais advertiu de que a medida debe aplicarse sen alterar a igualdade de oportunidades entre aspirantes.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder