O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou o valor do audiovisual como “unha ferramenta con grandes posibilidades para potenciar a creatividade, e en galego, entre os escolares da Comunidade”. Así o valorou na entrega dos premios ás mellores curtametraxes de animación do concurso «Nós tamén creamos!» 2024-2025, no Centro Galego de Arte Contemporánea.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
Centos de persoas participaron no Araba Euskaraz 2025, unha festa das ikastolas arabesas que ten como obxectivo reivindicar o impulso do uso do éuscaro baixo o lema ‘Etengabe’. A celebración incluíu espectáculos, concertos e actividades dirixidos especialmente á infancia e á mocidade.
Fonte: EFE
Portugal reforma a súa lei migratoria para ampliar os dereitos dos inmigrantes cualificados de países lusófonos. A nova norma facilita o acceso á residencia e ao emprego e reforza a cidadanía lingüística da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP), equiparando condicións mediante o recoñecemento da lingua e das cualificacións profesionais.
Fonte: Público
Ucraína anunciou o desenvolvemento do seu primeiro modelo de linguaxe amplo (LLM) en ucraíno, presentado polo Ministerio de Transformación Dixital e Kyivstar, a principal empresa de telecomunicacións do país.
Fonte: Capacity Media
A Xunta e a Real Academia Galega incorporan doce novos concellos das catro provincias galegas á nova edición da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, que organizan conxuntamente e coa que “se salvagarda e divulga o importante patrimonio inmaterial que atesoura a toponimia galega”. Así o puxo en valor na súa presentación o secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen salientou os “resultados máis que satisfactorios” deste proxecto, “ao contar con case 4.000 colaboradores e preto de 90.000 microtopónimos recuperados desde que se puxo en marcha en 2019”.
O Goberno de Navarra e a asociación Laba Elkartea asinaron un convenio para promover o uso social do éuscaro en Pamplona, con especial atención á mocidade. O acordo, cun orzamento de 26 000 euros para 2025, inclúe proxectos como a acollida de persoas migrantes, bolsas para novos proxectos sobre o éuscaro e actividades para fortalecer a comunidade euscaldún.
Softcatalà presentou o seu novo dicionario inglés-catalán, unha ferramenta en liña gratuíta con 50 000 entradas en inglés e 46 000 en catalán e que ofrece traducións e exemplos de uso extraídos de corpus paralelos para mostrar as palabras no seu contexto. Aínda que o dicionario seguirá mellorando con novas entradas, tamén se presenta como unha referencia para mellorar a calidade das traducións en empresas e na lingua catalá en xeral.
Os Premios á calidade lingüística en galego dos traballos académicos, traballos de fin de grao e traballos de fin de mestrado, que chegan á súa 21ª edición, teñen como obxectivo promover o uso dun galego de calidade entre o alumnado da USC.
A Xunta de Galicia iniciará un proceso de diálogo co Goberno central para garantir que o novo sistema de xestión procesual que vai implantar o Ministerio de Xustiza esta dispoñible tamén en lingua galega. Así llo informou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, aos representantes da Irmandade Xurídica, cos que se reuniu para trasladarlle a súa preocupación sobre que o Goberno central habilite só en castelán a plataforma Atenea, que substitúe á anterior, Minerva.
A Universidade de Nottingham anunciou que reducirá o persoal docente do seu centro de linguas, o que suscitou críticas por pór en perigo o seu carácter global.
Fonte: BBC
Boletín
Subscríbase ao boletín


